18-F

Pontón avanza un modelo enerxético "ao servizo da Galiza" e non ao de Endesa, Naturgy ou Iberdrola

O BNG busca "democratizar" o acceso á enerxía eléctrica.
No centro, Fernández, Pontón e Franco, esta segunda feira nas Pontes (comarca de Eume). (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro, Fernández, Pontón e Franco, esta segunda feira nas Pontes (comarca de Eume). (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza comprometeuse esta segunda feira a impulsar a creación dunha compañía eléctrica pública liderada polo Executivo galego que "garanta ás galegas e aos galegos o acceso á enerxía como dereito esencial", e, ao mesmo tempo, "faga que os beneficios que xeran os recursos galegos fiquen no país". 

"Unha das miñas primeiras decisións como presidenta da Galiza en materia enerxética será quitar a cadeira que o lobby eléctrico ten no Consello da Xunta", anunciou Pontón durante unha visita ao Concello das Pontes (comarca de Eume), onde estivo acompañada do deputado Mon Fernández e da portavoz da formación nacionalista na vila, Carmela Franco, entre outros militantes do BNG da comarca. 

Así, Pontón presentou as propostas do Goberno do BNG en materia enerxética coas torres de Endesa no concello das Pontes como pano de fondo, un "escenario simbólico do modelo enerxético que nos impoñen desde Madrid en contra dos intereses da Galiza", afirmou, engadindo que empresas como  Endesa, Naturgy ou Iberdrola "levan décadas explotando os nosos recursos sen que iso teña un retorno no país". 

Democratizar a enerxía

A candidata do BNG comprometeu unha alternativa baseada en tres puntos: pór a "riqueza eléctrica da Galiza" ao servizo das galegas e dos galegos; "democratizar" o acceso á enerxía; e, finalmente, preservar a biodiversidade, o territorio e o medio ambiente. 

A empresa eléctrica pública proposta esta segunda feira por Pontón estará "aberta á participación dos Concellos" e permitirá, entre outras cuestións, o "control da enerxía como ben básico e ir recuperando a xestión das centrais hidráulicas que vaian caducando", afirmou.

Comentarios