Eleccións municipais

Pontón asegura que Arroxo será o próximo alcalde de Lugo, co BNG como “verdadeiro motor de transformación”

“O Goberno do PP leva anos dándolle as costas a Lugo”, afirmou a portavoz do BNG.

Rubén Arroxo e Ana Pontón, esta segunda feira no barrio da Tinaría, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rubén Arroxo e Ana Pontón, esta segunda feira no barrio da Tinaría, en Lugo. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proclamou esta segunda feira que o candidato da súa formación á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, será o próximo alcalde da cidade porque “o Bloque foi o seu verdadeiro motor de transformación”.

Pontón visitou esta segunda feira xunto a Rubén Arroxo o barrio da Tinaría, unha zona que considerou “un exemplo de como o PP dinamitou a política de vivenda protexida e de discriminación coa cidade”.

Nun contexto no que “a crise de prezos é unha das principais preocupacións da poboación e cando o prezo do aluguer nas cidades subiu de media 30% nos últimos anos”, Pontón censurou que o Goberno do PP “dinamitara a política de vivenda protexida” e que “en 14 anos no movese un dedo para seguir co proceso de rehabilitación e recuperación”.

A líder do BNG explicou que, de estar rehabilitadas, esas vivendas poderían poñerse a disposición da xente moza e das familias con menos recursos en réxime de aluguer a prezos asumíbeis para as rendas medias e baixas. “Iso foi exactamente o que fixo o BNG cando tivo responsabilidades de Goberno”, recordou para indicar que “o Goberno do PP leva anos dándolle as costas a Lugo e ignorando a recuperación dun barrio que é fundamental para esta cidade”.

A Portavoz nacional manifestou tamén a súa desconformidade con que “por puro partidismo, o Goberno do PP teña no máis absoluto abandono o barrio da Tinaría, a rehabilitación das vivendas e a recuperación do espazo público”.

“O Executivo do señor Rueda non está discriminando e abandonando o BNG, senón a todos os veciños e veciñas de Lugo, moi en particular os que viven nesta parte da cidade”, sostivo.

“Outro Lugo é posíbel co BNG”

Pontón mostrouse tamén convencida de que “como resposta a este agravio e a esta discriminación”, a veciñanza vai dar unha resposta contundente nas urnas o próximo 28 de maio, apostando polo BNG e por Rubén Arroxo como alcalde para facer que Lugo progrese e avance.

Arroxo, pola súa parte, recordou que o da Tinaría é “un dos barrios máis antigos de Lugo, e un dos poucos do mundo que ten tres patrimonios da humanidade”. Así, explicou como, anos atrás, fíxose unha inversión moi importante, coa recuperación de restos arqueolóxicos ou a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca, con máis de mil anos de antigüidade. “Coa chegada do PP á Xunta chegou tamén a parálise que impediu que este barrio estea hoxe en día rehabilitado”, lamentou o candidato.

Comentarios