Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo e candidato do BNG: "Unha cidade non pode vivir e medrar illada do mundo"

Tenente de alcalde na capital luguesa logo dun acordo político do BNG co PSdeG-PSOE, Rubén Arroxo (Lugo, 1985) fai balance deste tempo de catro anos de goberno e explica os desafíos que ten a cidade coa muralla antiga completa máis grande do planeta e, en 2023, coas peores comunicacións por tren e autobús da Galiza, tendo máis de 100.000 habitantes.
O tenente de alcalde sade Lugo e portavoz do BNG na cidade, Rubén Arroxo (Foto: Xan Carballa).
photo_camera O tenente de alcalde de Lugo e candidato do BNG ás eleccións municipais, Rubén Arroxo (Foto: Xan Carballa).

Como se produce a súa chegada á política?

Foi na universidade, a través do movemento estudantil, naquel momento dos Comité Abertos de Facultade (CAF), e en 2005 afilieime a Galiza Nova. Así comecei. Na política institucional elixíronme candidato con 29 anos en 2015, foi a miña primeira experiencia, e saín concelleiro.

Resultoume salientábel a singularidade, a respecto doutros perfís da política, de que antes era coñecido como atleta.

Son arquitecto técnico, pero de toda a vida estou vinculado á actividade deportiva. O remate da carreira coincidiu co estoupido da burbulla inmobiliaria e entón traballei moito de monitor deportivo, sobre todo con crianzas, e ao tempo mantívenme competindo até 2010. Diso non se sae, e sigo facendo deporte a diario.

O BNG leva cogobernando Lugo co PSdeG-PSOE catro anos e, con coalicións Galiza adiante, fixeron acordos desde hai moitos anos en concellos, deputación e na Xunta da Galiza, con balances moi dispares. Cal é a experiencia de Lugo nesta lexislatura?

Positiva, porque realmente conseguimos facer todo o que levamos no programa nas cinco áreas que nos tocaron. Gobernar en coalición sempre é complicado porque tes que acordar con forzas de diferentes posicións e propostas. Así o decidiron os veciños e veciñas de Lugo e unha vez que chegas a un acordo tratas de facer o teu proxecto e creo que o conseguimos.

Pero sempre é complicado diferenciar ante o electorado o que fai cadaquén, a maiores das cambadelas políticas internas.

Fun atleta moitos anos, e aí tamén hai quen te obstaculiza. O que tes que facer é correr máis e non dar opción a que escurezan a túa política. E é o que estamos a facer.

Cal é proxecto de cidade que ten o BNG en mente pensando no futuro de Lugo?

Lugo ten dúas características moi importantes a considerar: temos a muralla completa máis antiga do planeta e somos a única cidade do Estado que está dentro dunha Reserva da Biosfera. A partir diso, temos que construír unha cidade que poña en valor o patrimonio histórico e respecte o medioambiental; temos que facer unha cidade sostíbel, con espazo público, porque había barrios que non o tiñan, con actividade cultural nas rúas e pódeselle preguntar a calquera veciño, que che dirá que nestes catro anos Lugo mudou moito, e nós queremos seguir neste camiño.

Están facendo unha forte presión para evitar a construción dunha rolda que afectaría a esa idea de Reserva da Biosfera.

A Rolda Leste faría unha desfeita grave no Parque do Rato, que é parte esencial dese cinto verde que rodea Lugo e que entra nesa característica especial da cidade como parte dunha Reserva da Biosfera a agarimar.

Calquera cidade pagaría millóns por ter ese cinto verde e a Xunta empéñase nun proxecto que o destruiría, ao cruzalo cunha autovía. Nós loitaremos para que isto se pare e se desbote. Na campaña a pé de rúa que levamos, detéctase un amplo consenso en contra desa infraestrutura.

Pero, ao mesmo tempo, manteñen que o déficit de comunicación da cidade é grave, tanto en tren como en autobuses.

Lugo é a cidade galega peor comunicada por tren, e os poucos servizos que tiñamos aínda os desmantelaron máis coa escusa da pandemia. Aí atrás fixemos unha viaxe á Coruña (90 km) que se nun tren minimamente moderno e digno serían 40/45 minutos, son hoxe dúas horas e media.

Non temos comunicación directa a Santiago, habería que ir primeiro á Coruña e enlazar outro tren. É un horror e un desastre, e hai que ter en conta que falamos dunha cidade de 100.000 habitantes. O investimento que se está facendo é moi cativo na saída sur e nulo en dirección A Coruña. É irrisorio. 

Ir de Lugo a Vigo é unha odisea en autobús e, por riba, esa liña non se beneficiou dos descontos promovidos nestes meses en todas as liñas do país.

Son tres horas e media e, no seu día, quixeron suprimilo. Foi unha iniciativa do BNG no Parlamento galego o que o evitou. Pero non é só a cidade, é que Lugo é central para comunicar toda a provincia. E si, o tren é malo e o bus tamén, pero como non ten competencia, dobre castigo: tampouco se bonifica.

Cales serían as prioridades de investimento para o tren que propoñen?

Coa campaña “Lugo quere tren” defendemos basicamente tres cousas a curto prazo: modernización e electrificación das liñas Lugo-Ourense e Lugo-A Coruña, que permitirían mellorar os tempos con novos trens. E logo, a construción da variante Curtis-Teixeiro, que son 27 quilómetros e permitiríannos enlazar co eixo do tren na franxa atlántica. Ese é un investimento que para os orzamentos do Estado resulta unha miudeza, máxime comparado co que se gasta en alta velocidade.

Nós falamos de mellorar e electrificar unha vía que non muda apenas desde o século XIX. Así, teríamos unha unión robusta con boa parte do país. E a medio prazo hai que planificar comunicacións por tren tamén coa Mariña.

Aínda que a competencia municipal en materia de gran política económica é moi limitada, cal é a situación que teñen nunhas comarcas que, agás no norte, contan cunha base agrogandeira poderosa?

Temos un polígono industrial nas Gándaras importante e que medra. Desde o concello, traballamos para darlle os mellores servizos e infraestruturas. Somos unha cidade que polo seu formato está vinculada ao sector servizos e a pequena industria relaciónase co agroalimentario e non é moi grande.

Lugo ten moito potencial pola súa posición xeográfica central, pero sen comunicacións é difícil despegar competitivamente. Agora mesmo, non temos autovía con Santiago, a A-6 ten a ponte de Pedrafita tirada, non temos ferrocarril, e non hai autovía con Ourense. É unha incomunicación permanente e sen ela é difícil articular un despegue industrial.

É un futuro escuro se non se resolve?

Unha cidade non pode vivir e medrar illada do mundo. Por iso, para nós é estratéxico estar conectados co país: trens de proximidade e rematar de vez a autovía con Santiago é algo esencial.

Para o nacionalismo galego, as eleccións municipais son importantes para proxectarse política e socialmente a futuro. Que perspectiva teñen para a convocatoria de maio?

A xente, cando nos ve gobernar, pérdelle o medo ao nacionalismo. Ve unha ideoloxía de amor e non de odio a ninguén, amor ao noso pobo, á nosa cultura, á nosa terra e á nosa xente e iso é o que poñemos sempre por diante.

Cando nos ven gobernar, enténdeno e pode trasladarse a outros procesos electorais, sabendo que estamos obrigados a manter unha mestura entre mobilizarse socialmente co traballo nas institucións. Movemos a xente contra a Rolda Leste, a prol do ferrocarril ou apoiando a sanidade pública. Teñen que ser dous corpos siameses: o traballo na rúa e o institucional. 

Detéctase, ás veces, unha certa descontinuidade xeracional no nacionalismo. O atractivo da cultura do país na mocidade parece incuestionábel, o recente e vixente fenómeno Tanxugueiras certificaríao, pero iso non sempre ten despois reflexo político.

Hoxe en día é difícil saltar á política. Cando queres facer unhas listas electorais, hai presións laborais, familiares e da túa contorna, e moita xente teno complicado. A situación económica é difícil e moitas persoas non poden arriscarse e dar ese paso. Iso hai que revertelo, debemos dar a cara e iso faranos unha sociedade máis libre.

Como conviven esas xeracións de idade tan diferente no BNG?

Considero que manteño a mesma ideoloxía de xeracións anteriores, adaptado ao tempo, pero o nacionalismo é a defensa do teu país, como antes che dicía. E así segue sendo en liñas fundamentais, como cando os Castro tentaban recuperar o Reino de Galiza no século XIV. Iso sempre permaneceu aí, e houbo quen o tratou de levar adiante e quixo que o noso pobo e a nosa cultura puidese ser libre e manterse no tempo. 

Nós reivindicamos hai unhas semanas a Castelao nun acto público simbólico, porque penso que é unha das máis importantes figuras e intelectuais que deu Galiza. É o pai do nacionalismo galego moderno, porque aínda que o país deixou de ser dono de seu hai 800 anos, as súas personalidades senlleiras hai que recuperalas e adaptalas a hoxe. Porque non é o mesmo o tempo de Rosalía de Castro ou Castelao e os anteriores, que o actual, e todo ten que adaptarse.

Finalmente, cal é a súa expectativa de resultados cara ao mes de maio? 

Nós aspiramos a coller a Alcaldía de Lugo. A percepción que temos na rúa é moi boa, a xente está contenta co noso traballo e penso que é a primeira vez cunha posibilidade real de alcanzar a Alcaldía.

Comentarios