18-F

Pontón aposta por "reactivar" o potencial produtivo e económico de Ourense

Ana Pontón, a candidata do BNG a presidir a Xunta da Galiza, continúa a percorrer o país para debullar o programa que defenderá nas vindeiras eleccións galegas. Nesta liña, esta sexta feira reuniuse con representantes do Colexio Oficial de Arquitectas da Galiza, presentou a candidatura por Ourense e visitou a vila de Cedeira (A Mariña).
Ana Pontón, hoxe, en Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, hoxe, en Ourense. (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, continúa a súa xira de presentación das candidaturas da formación nacionalista. Esta sexta feira foi a quenda de Ourense, cuxa lista encabeza a deputada Noa Presas e que ten Iago Tabarés, tamén parlamentario nesta lexislatura que rematou, como número dous.

Nun acto no que tanto Pontón como Presas estiveron arroupadas por candidatos e candidatas que integran a lista, a candidata do BNG afirmou que aspira a presidir un Goberno que, a partir do 18 de febreiro, "revitalice e faga valer" Ourense, aproveitando "o seu inmenso potencial". Convencida de que é necesario "acelerar o desenvolvemento desta parte do país", Pontón subliñou que o seu Goberno "estará á altura" e porá en marcha iniciativas para recuperar a actividade produtiva e reactivar tanto a economía como o emprego en Ourense, "apostando tanto polo rural, a ciencia e a tecnoloxía, como pola mellora das infraestruturas".

Tamén se comprometeu a "reforzar a sanidade pública para acabar cos recortes de persoal e servizos", como os que sofren nas localidades do Carballiño (comarca homónima), Xinzo (A Limia), A Mezquita (comarca de Viana) ou Verín (comarca homónima), así como no O Barco de Valdeorras.

"No BNG saímos a por todas. A partir destas eleccións, as ourensás e os ourensáns pasaremos de ser espectadoras a protagonistas do cambio galego", enfatizou, pola súa parte, Noa Presas.

Oferta de formación

Tamén esta sexta feira Ana Pontón, que continúa a súa xira de precampaña, comprometeu nun acto aberto en Cedeira (Ferrolterra) a ampliación dos ciclos formativos do IES Punta Candieira "para darlle máis opcións á xente moza, máis opcións laborais para que poidan pór en marcha os seus proxectos vitais".

Vivenda

Ana Pontón comprometeu tamén un plan de mobilización de vivenda baleira e unha lei para gravar grandes propietarios como son os fondos de investimento, a banca e as grandes empresas. Logo dunha xuntanza cunha representación do Colexio Oficial de Arquitectas da Galiza (COAG) en Compostela, a candidata do BNG a presidir a Xunta avanzou así algunhas das medidas en materia de vivenda que impulsará se chega ao Goberno galego.

Comentarios