O BNG propón limitar as horas extra, reducir a semana laboral e subir o SMI

O nacionalismo insta a "cumprir" a Carta Social Europea
Oficina desordenada (Foto: Nós Diario).
photo_camera (Foto: Nós Diario).

O BNG rexistrou unha proposición non de lei no Congreso para reducir "progresivamente" a semana laboral, limitar as horas extraordinarias e subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) até que alcance 60% do salario medio.

A proposta laboral do nacionalismo galego enmárcase no "incumprimento da Carta Social Europea" por parte do Estado español. No documento, apunta o BNG, inclúese o recoñecemento ao dereito dunhas condicións de traballo xustas, a unha remuneración digna e tamén á negociación colectiva. 

Neste plano, o BNG insta o Goberno español a fixar "unha razoábel duración diaria e semanal das horas de traballo, reducindo progresivamente a semana laboral". Así mesmo, esixe garantir o dereito á desconexión das persoas traballadoras fóra do horario laboral.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, propón finalizar coa equiparación dun período de atención continuada a un período de descanso, na súa totalidade, xa que considera que "supón tamén a violación do dereito a un tempo de traballo razoábel". Sumado a isto, o BNG busca garantir o dereito para gozar de, cando menos, un período de vacacións anuais ininterrompidas de dúas semanas, impedindo a fragmentación das vacacións en períodos demasiado curtos.

Na proposición non de lei, coñecida no día de onte, o BNG expón compensar as ocupacións perigosas ou insalubres por unha redución da duración das horas de traballo ou días de descanso suplementarios pagos. 

Ademais, a organización nacionalista suxire incrementar o SMI até alcanzar, no mínimo, 60% do salario medio, así como promover a limitación das horas extraordinarias para "garantir unha xornada laboral razoábel e asegurar a súa retribución e/ou compensación adecuada no caso de producirse".

Convenios

No caso de que a relación laboral se extinga no período de proba da traballadora ou do traballador, o BNG propón a través desta iniciativa regular un período de aviso previo por parte das empresas e así poder prever a posibilidade dunha indemnización. Xa por último, Rego insta a estabelecer o cumprimento obrigatorio por parte das empresas das condicións que foran obxecto de pacto en convenios colectivos.

Comentarios