Pontón acusa PP e PSOE de "silenciar" as responsabilidades do "escándalo" da A-6

"A quen queren protexer?", preguntouse a dirixente nacionalista nunha rolda de prensa na que cargou contra PP e PSOE polo seu "impresentábel pacto de silencio" sobre unha situación que tachou de "escandalosa".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, acusou esta sexta feira a Xunta e o Goberno español de "silenciar" as responsabilidades detrás do "escándalo" dos dous colapsos no viaduto do Castro da A-6.

A acusación de Pontón chega despois de que na tarde desta quinta feira, colapsase un segundo vano do viaduto, afectando aos piares que soportan o peso do conxunto da estrutura.

"A quen queren protexer?", preguntouse a dirixente nacionalista nunha rolda de prensa na que cargou contra PP e PSOE polo seu "impresentábel pacto de silencio" sobre unha situación que tachou de "escandalosa".

"En apenas unha semana pasamos de estar a falar da reapertura da ponte despois de arranxos millonarios a falar da súa demolición", aseverou Pontón.

Infraestrutura "de primeiro nivel"

A portavoz nacional lembrou que o viaduto, que "cae a cachos", foi construído "hai 20 anos, non 200" e que é unha das infraestruturas viarias máis caras da rede de estradas do Estado español.

Neste sentido, tras lembrar que o BNG xa rexistrou peticións de comparecencia urxente no Congreso, urxiu á ministra de Transportes, Raquel Sánchez, a desprazarse á zona e ofrecer explicacións sobre unha infraestrutura "de primeiro nivel". Precisamente, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, confirmou que a ministra visitará esta tarde o lugar

Pontón exixiu transparencia sobre as empresas responsábeis da construción do viaduto do Castro, xa que considera que a Xunta e o Goberno español están a "encubrilas".

Ademais de explicacións, o Bloque tamén pediu que se estabeleza un "calendario" para que a situación na principal arteria de comunicación da autonomía co centro do Estado español volva á normalidade.

Comentarios