RAFAEL VILLARINO (PSDEG)

"O poder en Ourense estivo en xogo o 28-M e pode estalo tamén nestas eleccións"

Rafael Villarino, candidato número 1 do PSdeG ao Senado por Ourense.
RAFA VILLARINO
photo_camera Rafael Villarino.

—Que está en xogo nestas eleccións do 23 de xullo?
Os avances e progresos conseguidos ao longo destes anos foron importantes. Avanzouse moito, por exemplo, en reducir a desigualdade social, a pobreza social, e iso ten un peso moi importante naqueles lugares como Ourense, que está nunha situación moi desigual a respecto do Estado e Unión Europea.

—Cal son as expectativas coas que se desenvolve a campaña?
Ourense é unha situación bastante excepcional no panorama político, tanto a cidade como a provincia. Son dous factores moi unidos, máis que nada por relacións de poder. O poder nesta provincia estivo en xogo nas anteriores eleccións e pode estalo nestas e iso explica todo o demais.

Explica que a vontade da cidadanía non se está a respectar, simplemente porque hai grupos de poder e económicos que están intentando evitar que a cidadanía teña voz nas súas decisións. E iso hai que telo en conta. Nesta provincia sabémolo, sabemos cal é o papel do PP en Ourense e na Galiza. Por iso é importante manter a senda de avances logrados nestes anos.

—Que necesidades ten a provincia que debían de ser prioritarias para o Goberno español?
Entendemos que o reequilibrio territorial, expresión dunha política moi necesaria para o interior, debería ser unha realidade máis que nunca. Os recursos deben de ir a aqueles lugares que máis os precisan, a aquelas provincias que están en peores circunstancias. Nós somos a única provincia do Estado que ten máis pensionistas que cotizantes, a provincia coa idade media máis alta ou a provincia coas pensións máis baixas. Se todo isto non é argumento para unha actuación urxente, entón a política carece de sentido.

—Que suporía para Ourense un Goberno PP-Vox?
Sería o freo e o retroceso dunhas políticas de progreso e en beneficio da maioría. A mensaxe para a xente é que debe de ter conciencia da situación, de que o conformismo, a resignación, non son a chave para saír da situación na que estamos. Nós non somos donos da verdade absoluta, pero temos moi claro que nesta provincia outro futuro é posíbel.

—Pensa que o PSdeG pode repetir ou mellorar os resultados de hai catro anos en Ourense?
Hai catro anos os resultados foran moi bos. Ourense fora entón a capital de provincia do Estado con maior porcentaxe de voto socialista. Traballamos para manter a representación institucional no Congreso e no Senado que obtiveramos daquela. Iso sería unha boa nova, pois favoreceríase que o Goberno progresista seguise.

Comentarios