"E, por suposto, Gibraltar español"

Podemos asocia o conceito de patria a un Exército meritocrático

Hai toda unha elaboración ideolóxica en marcha, a da Patria española que leva formulando nos últimos meses Podemos, a nova marca da esquerda estatal que ameaza nos inquéritos con sorpassar o PSOE.  

Mitin Podemos en Almería
photo_camera Un momento do mitin de Podemos en Almeria

A teorización de Podemos é que o conceito de Patria foi usurpado (ou prostituído) pola dereita española. Habería, pois, que resgatalo. E facelo dunha forma moi sofisticada, para que sexa compatíbel co discurso que a formación morada emite para as nacións sen Estado, sempre con Catalunya no foco. Así, os dirixentes podemitas acostuman ligar a Patria coa defensa dos dereitos sociais. Serían patriotas aqueles que os defendesen face a oligarquía, veñen dicer Iglesias e Errejón.

Mais nas últimas horas este discurso tan requintado deu un xiro sorprendente ao asociar o conceito Patria cunha redefinición meritocrática das forzas armadas españolas, unha institución cuxa traxectoria histórica ten moi pouco a ver coa defensa dos intereses populares e si moito coa opresión e a tiranía. Destarte, a formación liderada por Iglesias puxo en circulación esta cuarta feira o seguinte chío:

Podemos é o que os politólogos definen como un catch all party (partido atrápao todo), daí que no seu momento dese acubillo nas súas lista ao ex xefe de Estado Maior da Defensa,Julio Rodríguez, ao que colocaron desta volta como número 1 por Almeria, provincia coa que non ten a menor relación.

O ex xemad, nun mitin realizado esta cuarta feira, precisou aínda máis o que entende por Patria Podemos:

 

"E, por suposto, Gibraltar español"

E, para completar o repertorio patriótico español, Pablo Iglesias, nun novo formato comunicativo -entrevista vía whatsapp coa xornalista Sonsoles Onega, demandaba o retorno á soberanía española de Gibraltar.

A xornalista formulou unha pergunta sobre o referendo que o Reino Unido realizará o 23 de xuño a respeito da súa continuidade na UE e, aliás, inquería directamente a Iglesias sobre a españolidade de Gibraltar.

Esta foi literalmente a resposta do líder de Podemos: "Somos os únicos que fomos a UK a facer campaña. O noso secretario de Internacional estivo en Manchester con figuras laboristas pedindo o si á permanencia de UK na UE. E, por suposto, Gibraltar español".

Comentarios