Xustiza

O Concello de Ourense deberá indemnizar con outros 2,3 millóns a concesionaria do autobús urbano

O TSXG desestima o recurso interposto polo Goberno local e ratifica a sentenza previa que obrigaba compensar a UTE Urbanos de Ourense con perto de 5,5 millóns de euros, dos que agora se desconta a contía xa abonada.
O conflito coa concesionaria remóntase a 2016. (Foto: Concello de Ourense)
photo_camera O conflito coa concesionaria remóntase a 2016. (Foto: Concello de Ourense)

O Concello de Ourense deu a coñecer esta quinta feira, no marco da Xunta de Goberno local, unha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza pola que se desestima o recurso de apelación, presentado polo propio Concello, e ratifica o veredicto previo, de instancia, polo que deberá abonar á empresa autobuses urbanos de Ourense 5,5 millóns de euros.

A administración local compensará a UTE Urbanos de Ourense coa citada contía pola prestación deste servizo municipal, entre os anos 2015 e 2018, por sobrecustos ao prestar o servizo coa concesión xa caducada, posto que a empresa presta o servizo en precario desde 2015 ao non ser licitado un novo contrato.

O litixio comezou no ano 2016, cando a empresa prestaba o servizo en precario e presentou un recurso no que reclamaba que o Concello lle abonase a compensación económica que cubrise os custos reais do transporte urbano e un beneficio industrial de 6%.

O Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense deulle a razón e fixou en 5,58 millóns de euros a cantidade que terían que abonar. A esa cifra hai que descontar 3,28 millóns xa abonados polo Goberno da cidade das Burgas.

O Concello recorreu o auto, pero o TSXG vén de desestimar agora o recurso de apelación e confirma que deberá pagar o resto da compensación económica, resultando unha cantidade neta de case 2,3 millóns, en concreto 2.299.484,26 euros, en favor da concesionaria do servizo de autobuses urbanos.

Comentarios