"Os peores cinco anos da Autonomía"

Cúmprese un lustro da cerimonia de posesión de Feijóo á fronte da Xunta na que se abrazou entusiasmado ao presidente de Iberdrola. Só o PP considera que Galiza está agora mellor que hai cinco anos, en contra dunha Oposición que critica, entre outros factores, os datos do desemprego ou a perda das caixas.

Feijóo
photo_camera Feijóo, no Parlamento

Esta sexta-feira cúmprense cinco anos exactos da cerimonia na que Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente da Xunta de Galiza, após gañar mes e medio antes as eleccións e desbancar ao bipartito que formaban PSOE e BNG. Daquela data quedan un feixe de promesas, unha histórica fotografía na que o líder popular se abrazaba co presidente de Iberdrola e, pasado o lustro, un balance que resulta moi distinto para a oposición que para un PP triunfalista e que revalidou mandato en 2012, mesmo subindo escanos malia baixar en preto de 200.000 votos. As previsións apuntan a que o partido de Feijóo e Rajoy volverá perder sufraxios nas Europeas do 25 de maio. Se cadra, unha consecuencia destes cinco anos na Xunta do que agora fai balance o arco político.

En declaracións á axencia Europa Press, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, fixo resumo da xestión de Feijóo destacando que os seus anos de Goberno “foron os peores da historia da Autonomía". Non houbo ningún plan relevante para dinamizar a economía nin para desenvolver sectores estratéxicos como a agricultura, a pesca ou o naval. Ademais, Feijóo tampouco foi quen de defender o sistema financeiro propio, agora en mans foráneas á vez que 90.000 fogares teñen a todos os seus membros no desemprego”, engadiu.

Pola súa parte, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, opina que Feijóo “é un pelele dos poderes económicos que non ten interese por esta Comunidade porque Galiza lle estorba”. “Destruíu emprego, comezou coas privatizacións sanitarias e aumentou a débeda”, explicou a tamén coordinadora de Esquerda Unida. Pola súa parte, o secretario xeral do PSOE galego, José Ramón Gómez Besteiro indicou, tamén en declaracións a Europa Press, que “a austeridade de Feijóo creou pobreza”, malia o cal insistiu na súa oferta de alcanzar pactos co PP.

Por último, o portavoz parlamentar d@s populares, Pedro Puy, dixo que a súa evaluación destes cinco anos “é moi positiva, tanto na situación económica como no autogoberno”.

Comentarios