A páxina de Facebook do Concello de Quiroga publicita a cea de nadal do PP

O alcalde da localidade, Julio Álvarez, estivo presente na cea e nela dirixiuse ao público en sinal de agradecemento xa que, nas súas palabras "nunca tiveran unha xuntanza con tanta xente".
Publicación do Concello de Quiroga (Foto: Nós Diario).
photo_camera Publicación do Concello de Quiroga (Foto: Nós Diario).

A páxina oficial do Concello de Quiroga na rede social Facebook fixo públicas unhas fotos en que se poden ver militantes do Partido Popular da vila quiroguesa celebrando unha cea de nadal.

Na publicación pódese ler: "militantes do Partido Popular de Quiroga reuníronse nun restaurante da vila, para celebrar a súa tradicional cea de nadal, despois do parón durante dous anos debido á pandemia sanitaria".

O alcalde da localidade, Julio Álvarez, estivo presente na cea e nela dirixiuse ao público en sinal de agradecemento xa que, nas súas palabras "nunca tiveran unha xuntanza con tanta xente".

A cea contou tamén coa presenza de José Manuel Balseiro, coordinador xeral e portavoz do PP en Lugo e deputado no Parlamento da Galiza.

"O encontro da familia do PP de Quiroga remataba cun 'brindis' polas festas do nadal e polo Aninovo", finaliza a publicación do Concello de Quiroga.

"Escandaloso"

O BNG de Quiroga pronunciouse sobre esta publicación cualificándoa de "escandalosa".

"Politización e campaña política desde o perfil público do Concello. Un perfil e páxina de Facebook que debe ter utilidade pública e difundir o labor do Goberno (non do partido) pero tamén o labor da oposición", salientan desde a organización nacionalista.

Ademais, o BNG quirogués acrecentou se trata dun "escandaloso uso privativo das redes oficiais do Concello por parte do PP".

Comentarios