Comesaña nega no Parlamento as deficiencias da sanidade pública galega

Ante as preguntas dos dous partidos da oposición (BNG ePSdeG), Comesaña asegurou que os hospitais comarcais "lonxe de perder servizos, gañaron".
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nun pleno do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nun pleno do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu esta sexta feira ao Parlamento galego para dar conta das deficiencias que apuntou a oposición e que foron rexistradas no Sergas nos últimos meses.

Ante as preguntas dos dous partidos da oposición (BNG ePSdeG), Comesaña asegurou que os hospitais comarcais "lonxe de perder servizos, gañaron". Así, censurou ao "oráculo da oposición" que, segundo afirmou, "dicía que ían fechar os comarcais".

En concreto, Comesña respondeu a unha pregunta oral do deputado nacionalista Manuel Lourenzo sobre "as medidas que ten pensado adoptar o Goberno galego para solucionar os problemas coa sanidade pública no concello de Soutomaior", García Comesaña reiterou que "hai persoas con interese político en que a situación que vive o seu concello non se arranxe".

Manuel Lourenzo puxo encima da mesa a espera que asegura padece a cidadanía para ser atendida no centro de saúde do municipio de Soutomaior, algo que, segundo detallou, "demostra a día de hoxe a propia aplicación de Sergas". "A veciñanza está farta de mentiras e o que exixe son solucións", censurou.

Polo seu lado e tamén en representación do BNG, a portavoz de atención hospitalaria da formación nacionalista, Iria Carreira, exixiu ao goberno da Xunta un "compromiso real" para garantir a atención dos nenos e nenas na Atención Primaria e hospitalaria.

Para a deputada nacionalista, urxe dotar, como mínimo, “dun Punto de Atención Continuada (PAC) de comarca para a área Sanitaria de Vigo e dous novos PAC en Coia-Navia e Teis, que inclúan a atención pediátrica".

Condicións laborais

Pola súa parte, o portavoz de sanidade do PSdeG, Julio Torrado, denunciou que a Galiza "non ten un problema en si mesmo de falla de médicos", senón de que lles ofrece as "peores condicións laborais do Estado", incluíndo aos MIR que rexeitan vir por ser a que peor lles paga.

“Piden que lles abran a billa, pero non saben pór o tapón”, incidiu Torrado sobre que fai falta cambiar a política laboral do Sergas para evitar a fuga de médicos. 

Tras ser cualificado por parte de Comesaña como "trilero, deshonesto, mentireiro e manipulador", Julio Torrado reprochou o uso desa linguaxe, e resaltou a situación na cal se encontra para ter que "recorrer á descualificación pola falta de argumentos para defender a súa xestión".

Comentarios