18-F

Paula Prado dirixirá a campaña do PP, que Rueda pide deseñar "en positivo"

"Se todos aproveitamos estes dous meses para confrontar nosas diferentes visións da Galiza en positivo, estar a facer un gran servizo aos galegos e cumpririamos o que esperan de nós", afirma o presidente da Xunta e do PP na Galiza.
A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado. (Foto: Europa Press)

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, dirixirá a campaña que os populares realizarán de cara ás eleccións galegas do 18 de febreiro e que o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alfonso Rueda, defende centrar "nos problemas de Galiza". Durante a reunión do Comité de Dirección do PPdeG, decorrida esta sexta feira na sede do partido en Santiago de Compostela, o presidente dos populares galegos sinalou que o Comité de Campaña terá como fin "traballar con rigor, seriedade e planificación para facer unha campaña en positivo" e sendo consciente de que nas eleccións do 18 de febreiro a cidadanía elixe "o futuro da Galiza para os próximos catro anos".

Un día despois da convocatoria electoral, o número un do PP galego considerou que é o momento de "porse a traballar" porque o seu partido "sae a gañar". De aí, indicou, a importancia da designación do órgano encargado de dirixir a campaña electoral e que volverá estar presidido pola súa secretaria xeral. "A ela e ao equipo experimentado con novas incorporacións" que a acompañará nesta tarefa, Rueda pediulles que deseñen unha campaña en positivo. "Temos argumentos dabondo para facer balance das moitas cousas feitas nesta lexislatura e nas anteriores, ademais de moitas ideas que se plasmarán no programa electoral", afirmou.

"Se todos aproveitamos estes dous meses para confrontar nosas diferentes visións da Galiza en positivo, estar a facer un gran servizo aos galegos e cumpririamos o que esperan de nós", engadiu Rueda, que remarcou que esta é a forma de traballar do PP na Galiza. Ademais, destacou que desde esta sexta feira e até o próximo 18 de febreiro seguirá "escoitando a todo o mundo" e prometeu unha mobilización "potente", sendo consciente de que o que está en xogo "son os problemas dos galegos e os intereses da Galiza".

Presenza de Feixoo

Preguntado sobre se o feito de que o líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, vaia ter unha importante participación na campaña, con caravana propia, fará que o foco se centre na política estatal, Rueda mostrouse "encantado por moitas razóns" coa presenza do ex presidente da Xunta.

Ademais, mostrouse convencido de que o propio Feixoo "ten claro" que nestes comicios falarase da Galiza. "Durante catro eleccións conectivas tíñao clarísimo e estou seguro de que non cambiou o seu criterio", afirmou. Por último, preguntado pola coincidencia da data electoral coa celebración do Entroido no país, Rueda volveu sinalar que "todas as datas teñen vantaxes e inconvenientes".

A proposta de Besteiro: seis debates

Sobre a proposta do candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, de organizar seis debates electorais, o presidente galego dixo: "Pediríalle ao candidato un pouco de orixinalidade. É exactamente a mesma proposta que fixo quen realmente é o candidato non só do PSOE, senón dos restantes tres partidos que integrarían o posíbel cuadripartito, que é Pedro Sánchez".

A este respecto, sostivo que é "bo que haxa debates", pero censurou que se trate dunha proposta "copiada" e "sen ningunha orixinalidade". Dito isto, indicou que o PP é "serio" e que será o Comtié de Campaña dos populares o que planificará a proposta de debates da súa formación. "Gustaríame que as propostas fosen orixinais da Galiza, non copiadas", resolveu.

Comentarios