O Parlamento rexeita pedir á Xunta que "deixe de apoiar" o plan de Altri
O Parlamento rexeitou esta terza feira a moción do BNG que pedía instar o Goberno galego galego a "deixar de apoiar a instalación" da fábrica que Altri quere situar na Ulloa perante os "graves prexuízos ambientais, territoriais e socioeconómicos" que tería a súa implantación.
A proposta defendeuna a deputada nacionalista Olalla Rodil, que criticou o "desprezo" da Xunta da Galiza cara á "evidencia científica", así como cara a "a poboación que se opón a esa macrocelulosa". Nesta liña, censurou que a Xunta "desprece" as máis de "20.000 persoas que puxeron o seu nome, apelidos e DNI para dicir que non están de acordo" coa factoría. "Desprezan, a xente do seu país e o seu medio de vida", lamentou.
Explicou que o nacionalismo defende un modelo de desenvolvemento industrial sostíbel, "que aposte por modelos industriais que se poidan manter sen esgotar os recursos", mentres que o PP, dixo, "fai de comercial de Altri". Por todo iso, no texto proposto, Rodil sinalou que pide apoiar cos 250 millóns de euros que demanda Altri ao tecido socioeconómico das comarcas "afectadas polo proxecto".
Pola súa parte, Patricia Igrexas (PSdeG), argumentou que aos socialistas "nunca" lles gustou o proxecto de Altri. Malia isto, o PSdeG abstívose na votación, alegando que non se lles aceptada unha emenda de substitución nin a votación por puntos.
Rubén Lourenzo (PP) insistiu en que o proceso de tramitación ambiental é "a garantía" de que a Xunta "só apoiará as actuacións que sexan compatíbeis co sector primario galego" e reiterou que a instalación de Altri "depende do estrito cumprimento das normas", así como "dos fondos europeos". O popular tamén negou que a factoría da multinacional lusa vaia supor "a eucaliptización da Galiza", en contra do que sosteñen diferentes estudos.
Flora protexida
Adega sinalou esta terza feira que un estudo da Universidade de Compostela certifica a existencia na zona onde se quere implantar Altri de catro especies botánicas ameazadas, tal e como no seu día informara Nós Diario.

