O Parlamento celebra os vínculos entre a Galiza e Portugal: "Xuntos somos máis e mellores"

A Medalla do Parlamento da Galiza foi entregada esta terza feira presidente de quenda da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, Antonio Cunha.
Alfonso Rueda, Antonio Cunha e Miguel Santalices. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, Antonio Cunha e Miguel Santalices. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O Parlamento da Galiza celebrou os lazos e nexos que existen entre o noso país e Portugal coa entrega da medalla que outorga o lexislativo ao presidente de quenda da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, Antonio Cunha, que encabeza na actualidade unha entidade que fixo 30 anos en 2021. "Xuntos, galegos e portugueses, somos máis e somos mellores", enxalzou o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, durante a súa intervención nun acto do que tamén participaron o titular da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Assembleia da República de Portugal, Adâo Silva.

Todos eles, ante un Salón dos Reis do Pazo do Hórreo no que se deron cita deputados, cargos públicos e representantes da sociedade civil, reivindicaron os vínculos históricos entre a Galiza e o norte de Portugal e a súa relación na actualidade, que puxeron como exemplo do camiño a seguir en Europa para favorecer a cohesión e o entendemento entre rexións. "O soño desa Europa sen fronteiras empezou a ser unha realidade aquí moito antes que noutros sitios", aseverou  Rueda durante o seu discurso, co que fechou unha gala presentada pola comunicadora Esther Estévez e que culminou coa interpretación do himno galego.

Antonio Cunha: "Somos de aquí, do atlántico e das terras verdes"

A concesión da medalla do Parlamento galego á Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal celebra as tres décadas da creación deste organismo, impulsado para institucionalizar o traballo conxunto entre o noso país e a rexión norte lusa e que permitiu, ao longo destes anos, a posta en marcha de infraestruturas e iniciativas conxuntas nesta eurrorexión.

Após recoller a condecoración en nome da entidade, Cunha remarcou a importancia da "institucionalización" a principios da década de 1990 de "máis de 3.000 anos de historia" entre galegos e portugueses. "Somos de aquí, do atlántico e das terras verdes", subliñou Cunha, que puxo o foco no valor do "camiño" conxunto percorrido nos últimos 31 anos, no que se conseguiron "éxitos" a pesar dalgún "desencontro".

Así as cousas, apelou a continuar na senda seguida para afrontar desde "os poderes públicos" os retos de futuro, entre os que situou a conexión por liña ferroviaria de alta velocidade, o aproveitamento das enerxías mariñas, o impulso ao sector aeroespacial e o reforzo do sector agroalimentario.

Miguel Ángel Santalices: "Somos moitos os que compartimos lazos históricos, culturais e familiares, xa que somos moitos os que portamos xenes lusitanos na Galiza, e galegos en Portugal"

Antes de que Cunha tomase a palabra, o presidente do Parlamento abriu a quenda de intervencións cun discurso no que encomiou a convivencia pacífica entre galegos do sur e portugueses do norte ao longo da historia, na que os vínculos a ambos os dous lados do Miño e na 'Raia seca' ficaron e enriquecéronse. "Somos moitos os que compartimos lazos históricos, culturais e familiares, xa que somos moitos os que portamos xenes lusitanos na Galiza, e galegos en Portugal", sinalou Santalices, que lembrou que o seu avó materno era natural de Famalicâo e chegou á Baixa Limia para traballar na construción do encoro das Conchas.

"Galiza nunca quixo guerras, e moito menos con Portugal. Nin antes nin agora", engadiu o presidente do lexislativo, que valorou as "sendas até entón ignotas" percorridas pola cooperación transfronteiriza entre a Galiza e Portugal, que foi exemplo para outros territorios da península e de toda Europa coa meta de "tender pontes entre os pobos, consolidar dereitos e incrementar o benestar da cidadanía".

Uns principios que, para Santalices, cobran especial relevancia co que acontece no momento actual da Unión Europa, marcado polo conflito de Ucraína, así que apelou a manter e reforzar o "espírito de cooperación" entre territorios unidos tamén polas súas linguas. "Xuntos, galegos e portugueses, somos máis e somos mellores. Así foi e así seguirá sendo. Coa participación e o impulso de todos", concluíu.

Alfonso Rueda: "Unha separación administrativa non ía conseguir que a xente non tendese pontes"

Logo de que o vicepresidente da Assembleia portuguesa, Adâo Silva, aseverase que "aínda queda moito soño" compartido "por soñar", o presidente da Xunta subliñou que "a día de hoxe é moito máis" o que "une" á Galicia e Portugal que o que as separa. Para o mandatario galego, os pobos galego e portugués "nunca" se viron o un ao outro "como estranxeiros ou como estraños". "Todos temos algo de arraianos. Unha separación administrativa non ía conseguir que a xente non tendese pontes", engadiu o presidente galego, que incidiu en que esas pontes son "indestructíbeis", pois están construídas "por intercambios humanos".

Comentarios