O Parlamento galego garda un minuto de silencio, mais o presidente da Cámara oculta o motivo: o xenocidio por Palestina

Sae adiante a proposta do PSdeG de gardar un minuto de silencio "polas vítimas inocentes do xenocidio en Gaza". O presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, negouse a ler o texto aprobado.

Minuto de silencio polas vítimas do xenocidio de Gaza, este 24 de setembro no Parlamento galego. (Foto: Arxina)
Minuto de silencio polas vítimas do xenocidio de Gaza, este 24 de setembro no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

No pleno do Parlamento da Galiza desta terza feira volveu aflorar a polémica política ante a petición dunha declaración simbólica de repulsa polo conflito en Gaza. O PSdeG propuxera iniciar a sesión cun minuto de silencio "polas vítimas inocentes do xenocidio en Gaza", petición que contou co apoio do BNG e de Democracia Ourensá, pero foi obxecto de bloqueo por parte do PP galego.

O principal obstáculo non foi a vontade simbólica, senón a palabra "xenocidio". O PP presentou unha contraproposta alternativa sen usar ese termo, que pretendía gardar silencio "en sinal de solidariedade e respecto aos inocentes civís palestinos vítimas da acción militar ordenada polo Goberno de Israel e á vítimas inocentes de Hamás".

Durante máis de vinte minutos, os deputados discutiron se se debía votar de inmediato o minuto de silencio ou esperar un acordo entre portavoces. O presidente do Parlamento, Miguel Santalices (PP), esgrimiu que non podía tomar decisión sen previo debate entre grupos.

A oposición denunciou que o PP estaba a marear a situación. Os socialistas pedían unha postura clara e dicían que non hai nada que negociar: ou se está a favor ou en contra do silencio por xenocidio. O BNG expresou indignación por tratarse dunha cuestión de dignidade diante dun masacre recoñecido pola ONU.

Finalmente, ao comezo do pleno do Parlamento desta cuarta feira, Miguel Santalices anunciou que había acordo de todos os grupos para realizar un minuto de silencio a pedimento do PSdeG. Todos os deputados puxéronse de pé e terminaron o minuto cun aplauso. O proceder normal para un minuto de silencio nun espazo institucional, cunha excepción: o minuto de silencio decorreu sen que o presidente do Parlamento galego explicase por que se gardaba silencio. O motivo? A súa negativa a pronunciar a palabra "xenocidio".

Comentarios