As papeletas electorais tamén teñen teito de cristal

Malia seren case o 52% das persoas que habitan en Galiza, as mulleres apenas encabezan o 22% das candidaturas presentadas nos 314 concellos do país. Hai un teito de cristal, unha barreira invisíbel, mais que existe e que limita a presenza feminina nas listaxes eleitorais.

Papeletas

Somos, segundo o último reconto oficial, 2.731.406 galeg@s. Unha cantidade que mingua ano a ano -nestes últimos doce meses 17.000 persoas menos-. A maioría d@s galeg@s, un 52%, son mulleres: 1.414.679. Mais as candidaturas electorais que concorren a estas eleccións municipais encabezadas por mulleres son... o 21,8 por cento. Os homes, apenas o 48% dos habitantes deste pequeno país, acumulan o 78 por cento das cabezas das listaxes nos comicios do 14 de maio.

Hai presentadas 1.198 candidaturas nos 314 concellos galegos. Hai municipios onde concorre só unha candidatura e hainos onde se presentan até dezasete, como é o caso de Vigo, a urbe máis poboada do país. A saber: PSdeG, PP, BNG, Marea de Vigo, Compromiso por Galicia, Ciudadanos, Comunistas de Galiza-PCPE; Agrupación Democrática de Centro de Galicia; Partido Animalista; UPyD; Partido Humanista; Gañemos Vigo, Movimiento Red; Partido Coalición Galega; Agrupación Electoral Recortes Cero; Equo-Piratas e Iniciativa Independiente. Non fica moi atrás Ourense, con once papeletas entre as que pode escoller o votante o 24.

Hai que ir a Ourense para atopar unha muller, a candidata do BNG, nos cartaces electorais das principais forzas que concorren

Destas perto de 1.200 candidaturas as mulleres só son cabeza en 261. Se ben a esta cifra hai que engadir a da vintena de entidades locais menores. A provincia onde hai maior presenza de mulleres nas listaxes é Lugo. Na provincia concorren 255 candidaturas nos seus 67 concellos, o 24,4% lideradas por persoas de sexo feminino. O PP, nesta provincia, ten un 13,4% da listaxes con candidata e no outro extremo sitúase o PSOE, cun 32% de listas con mulleres. O BNG ten 17 das súas 59 candidaturas en Lugo con mulleres de número 1, o que supón case o 29%.

Entre Lugo e A Coruña

E cal é a provincia onde as mulleres teñen menos presenza neste eido? A Coruña. Nos seus 93 concellos concorren 404 propostas electorais. Só o 20% levan unha muller de candidata. En Pontevedra (284 candidaturas nos seus 62 municipios) as candidatas son o 22,5% fronte á un 77,5% de homes. E en Ourense (92 concellos, un total de 285 listas a competir no 24 de maio). Un 20,7% delas teñen de cabeza de lista a mulleres.

Se collemos as sete principais cidades galegas e botamos unha ollada sobre as principais candidaturas que concorren o 24 de maio, non hai moitos motivos para a esperanza. En Vigo só unha muller (PP) encabeza a lista fronte a cinco homes (PSdeG, BNG, Marea de Vigo, CxG). Na Coruña, nin unha muller candidata entre as principais opcións. PP, PSdeG, BNG, Marea Atlántica difiren en moitas cousas mais coinciden en presentar homes na cabeza da listaxe.

Igual acontece en Compostela, onde PP, PSOE, BNG, Compostela Aberta e CxG poñen varóns como cabezas de candidaturas. En Pontevedra? Máis do mesmo: populares, socialistas nacionalistas e marés levan homes como números un. Compromiso por Galicia si leva unha muller de cabeza de lista na cidade do Lérez. En Ourense só hai unha muller candidata (do BNG) nos cartaces electorais das principais forzas que concorren.  

Comentarios