A campaña a vista de cunca

Tomamos o pulso da campaña electoral nalgunhas das tascas da 'vella escola', locais que, como subscribiría o cineasta Win Wernders, amosan que a política para moitos parroquianos fica “tan lonxe, tan perto”.

tascas

“Non che van soltar chica” (“Non che van contar nada”). O cliente de taza na man e a pé de pipote na porta de ‘A Fonda’, unha das tascas de referencia do Calexón do Peso de Santiago, advirte ao xornalista do que se vai atopar dentro. Unha advertencia de quen avisa non é traidor a un xornalista que lle confesara que quería ver “como se ve nas tabernas a campaña electoral”.

As tascas de tazas de Compostela son un ecosistema perculiar, propio, e, tamén por desgracia, en extinción. Mais perviven e resisten mesmo no medio da cidade vella, ese espazo que vai camiño de se transformar nun decorado de ‘cartón-pedra’ ao servizo da turistificación. ‘Calpe’ e ‘A Fonda’, no Calexón do Peso, ou ‘O’46’, no Franco, son tres desas tascas. Parlamentos populares dos que falar de política, fútbol e ruxes-ruxes de sucesos locais a cargo dunha clientela que abala entre a xenialidade popular, o bichicoma e as sentenzas populares dignas do mellor filósofo.  

“É de mala educación”

A xente non está por falar abertamente de política. . “É de mala educación”. que di o Javier, do famoso barrio compostelán de San pedro. Menos disposto a falar está aínda se quen lle interpela leva unha libreta na man e un bolígrafo. Así que nada de preguntar, moito de conversar, e taza (que non gravadora nin caderno) na man. Aínda así, obter respostas require paciencia. “Fai falta un cambio”, afirma Manolo, da rúa das Hortas; se ben recoñece, con pesar, que parte da parroquia nesas tascas non pensa do mesmo xeito: “son moitos os que defenden o PP faga o que faga” di.

Non todos. José Antonio bota pestes do PP en todas as súas formas e, como el di, “en todas as reencarnacións”. Xubilado do barrio de Pontepedriña, habitual do ‘chiquiteo’ , di estar ilusionado cos novos aires que traen a posibilidade dun cambio de goberno na cidade. “É posíbel”, insiste. O seu compañeiro de tazas, José -de Castrón d’Ouro- menea a cabeza en sinal de desacordo. “Gañe quen gañe, van gañar os de sempre”. Unha sentenza popular-anarquista digna dos mellores anos do Casa Encantada (histórica okupa do barrio do Sar)

Mais... cambia algo ou non cambia?

Se a clientela non está moito por se pronunciar no tema electoral, dos propietarios das tascas xa nin falar. Vade retro. Non é que non teñan ideas ou preferencias, senón que non as van expresar nunca publicamente. Agora ben, un minuto de conversa cun cliente habitual da taberna permite coñecer cal é a preferencia do dono. “Esa”, di o parroquiano mentres sinala co dedo a caixa rexistradora. “E esa, de quen é?”, pregunta o xornalista, intentando ser incisivo. “E de quen vai ser? Dos de sempre”, responde o cliente.

Comentarios