Pachi Vázquez: "Hoxe o noso vello partido estase convertendo nun partido vello"

Cunha frase que fora empregada polo candidato a lehendakari, Patxi López após os comicios do 21-O, o aínda líder d@s socialistas galeg@s describiu a realidade actual do PSdeG durante a súa intervención inicial no Comité nacional, que decorre este sábado na capital galega.

Pachi Vázquez na súa intervención
Pachi Vázquez na súa intervención

Pachi Vázquez apelou ao longo da súa intervención no Comité nacional d@s socialistas, á necesidade de abriren "un período de análise e debate profundo sobre o camiño que debe seguir o socialismo galego e español para recuperar a credibilidade perdida". Esa é para Vázquez a principal eiva que está a padecer o proxecto político que representan, non só na Galiza senón no Estado español.

Cun discurso centrado na análise dos resultados electorais obtidos pola formación nas eleccións ao Parlamento galego, Vázquez salientou a perda de confianza "do noso electorado habitual" que ao seu entender "non nos cre", o que motivou "o castigo ao que fomos sometidos nas eleccións municipais, nas autonómicas e nas xerais".

Asumindo a súa propia responsabilidade, Pachi Vázquez asegurou que @s socialistas afrontaban as eleccecións "nunhas circunstancias que dende logo non eran o mellor escenario para concorrer" e apelou ao proceso de mudanzas "internas e o desgaste que iso conleva" para afirmar que non só foran "erros propios" os que desencadearan a diminución de apoios o 21-O.

Neste senso, Vázquez asegurou que "toca analizar as causas" da perda de confianza que padece o proxecto socialista, mais engade "non é un problema exclusivo do socialismo galego, é un problema do socialismo español", sentenciou ao tempo que engadíu, "o noso partido adoece neste momento de falta de confianza", cuestión cuxa solución pasa, segundo o líder do PSdeG, por re-pensar o discurso político e o proxecto a defender "nunha sociedade en crise", dixo. Así pois, emprazou á militancia socialista a enfrontar "un debate a fondo" cara a "renovación" do proxecto e da propia formación a través do tratamento --de cara ao Congreso extraordinario que terá lugar o vindeiro día 13-- de catro eixos fundamentais: política económica, política social, o modelo de Estado e o modelo organizativo.

Vázquez bate contra o PSOE e os 'protagonismos'

Na súa interpelación, Pachi Vázquez recuncou en diversas ocasións na perspectiva estatal e europea e alentou á militancia galega a participar "activamente" na Conferencia política que se convocará no vindeiro Consello federal fixado para mediados de decembro. Para Vázquez, tanto o Congreso extraordinario galego coma a Conferencia política estatal deben "ser a porta de entrada para un novo tempo para o socialismo galego e español".

Así as cousas, o voceiro socialista subliñou a necesidade de que este sexa un tempo "para a militancia" e non "para aventuras persoais", na procura de calmar posíbeis cobizas internas. Aliás, Vázquez asegurou que a organización debía mudar e que as persoas que toman parte da mesma debían "respectar máis ao partido".

Finalmente, fixo un chamamento á militancia para que participe no proceso de debate que se abre, pois dixo, "é o momento de plantexar propostas que axuden a resolver problemas, non a complicalos máis".

Comentarios