VÍDEO NO INTERIOR

Acusan o alcalde de Laza de pagar con cartos públicos un xantar privado de 200 euros en Lalín

O mandatario do PP asistiu ese día a un acto do partido en Compostela e posteriormente con representantes doutras administracións, polo que alega que "foi un xantar de traballo".
O alcalde de Laza, José Ramón Barreal, o pasado mes de xullo. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O alcalde de Laza, José Ramón Barreal, o pasado mes de xullo. (Foto: Xunta da Galiza)

O portavoz de Xuntos por Laza-Interior Galego Vivo, Jorge Lourenzo, recriminou no pleno do 8 de novembro ao alcalde deste municipio, José Ramón Barreal (PP), ter xustificado como gastos de representación 198,80 euros dunha comida en Lalín o pasado 25 de febreiro. Neste sentido, Lourenzo denunciou que o mandatario de Laza, na comarca de Verín, "asistiu a un acto político do seu partido, con persoas afíns ao mesmo, aos cales convidou a comer presentando a factura que pagamos todas e todos".

Na súa defensa, Barreal afirma, en conversa con Nós Diario, que asistiu a un acto do seu partido, e que despois diso quedou "coa Dirección Xeral de Augas e con técnicos que nos fixeron un proxecto, e tivemos un xantar de xestión para resolver temas que atinxen ao Concello".

"Despois quedei con outra xente para tomar café, entre estas persoas outros alcaldes que asistiran ao acto de partido. Mais non ten que ver onde estiven ao principio e onde estiven despois. Non me preocupa o máis mínimo, teño tido outras comidas de traballo e levo catro ou cinco anos sen pasar unha, e decidín presentar a factura porque estou na política perdendo cartos nalgúns casos e non quero seguir igual", sinala o mandatario de Laza. "Foi un xantar de traballo", conclúe Barreal.

"A esas horas [ás 12.30, cando o alcalde defende que comezou a reunión], casualmente, mire o que é a vida e as redes sociais, aparece nun vídeo dun acto do Partido Popular, e á volta aproveitaron para intentar chantarnos a comida aquí no Concello", replicou Lourenzo no pleno. "É moi fácil, fun a un acto de partido, e nos actos de partido se podo, quedo con alguén que poida resolverme problemas do municipio", contestou Barreal. "Estaba un técnico da Xunta, que ocupa unha Dirección Xeral", salientou o mandatario.

"Ese señor que está aí sentado de concelleiro foi a esa comida, e sábeo, e podo dicir outras dúas persoas máis que foron, porque o problema que teñen é que soben todo ás redes sociais (vostede non porque non as ten), e despois todo se sabe", espetoulle o concelleiro de Xuntos. "Se asisto a un acto do meu partido e fago unha xestión política con alguén que quedo, que ocupa unha Dirección Xeral ou algo, é un gasto de representación", argumentou o alcalde.

"Se eu con pedirlle na factura o concepto que a min me dese a gaña resolvía, e póñeno, que problema ten", afirmou. "Iso fanllo a vostede e fanllo a calquera", concluíu. "É mellor dicir que se equivocou e pagar", retrucou pola súa parte Lourenzo.

Comentarios