A oposición insta o PPdeG a posicionarse sobre o ‘veto parental’ e impedilo no ensino galego

Fronte ás peticións da oposición, o portavoz parlamentar do Partido Popular de Galiza tentou sortear a polémica e asegurou que non entrará "en cuestións que afectan outras comunidades". 
Parlamento (Europa Press)
Parlamento (Europa Press)

Todos os grupos da oposición no Parlamento galego coincidiron esta segunda feira en reclamar ao PP que se pronuncie sobre o chamado 'pin parental' (veto parental) proposto por Vox e que nos últimos días acaparou o foco mediático, co obxectivo de que se "desterre dunha vez por todas" da educación e a política galega.

En concreto, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, anunciou que presentará unha proposición non de lei na Cámara para "promover o rexeitamento político" ao que considera unha "censura" educativa "propiciada por Vox e auspiciada polo Partido Popular".

"Á escola non se  vén a escoller. A escola prepara para escoller na vida", explicou o tamén líder de En Marea, quen dixo "esperar" que Feijóo "aprendese" das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anularon varios puntos do decreto do plurilingüismo relativos a consultas a pais sobre a lingua de escolarización dos seus fillos.

Tamén o Grupo Común da Esquerda presentará unha iniciativa parlamentaria respecto diso. A súa portavoz Luca Chao reclamou a todas as formacións con representación que se manifesten "radicalmente en contra" do 'pin parental'. "Imos insistir en que o PP se defina", subliñou. Non en balde, Chao lembrou que o pasado mes de outubro os populares "votaron en contra" de retirar publicidade da plataforma "ultra" Hazte Oír, "amiguitos privilexiados de Vox", dos colexios galegos.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén cargou contra esta proposta de Vox que identificou cun "instrumento da ultradereita" para "frear a igualdade social e educación en valores", á vez que reivindicou a "profesionalidade" dos profesores fronte ao que interpretou como "unha criminalización" do seu labor. Caballero esgrimiu que Feixoo debe dicir "se está disposto a apoiar o veto parental" ou non e lembrou que Casado dixo que "o PP era un", que había "só un PP". Unha formación que actúa "como respaldo da posición da ultradereita" impulsando o veto parental. "O PP único do que fala Casado fai igual a Feijóo ou a Cayetana Álvarez de Toledo", advertiu.

Nestes mesmos termos pronunciouse a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen preferiu falar de "veto neandertal" e asegurou que iso "xa o inventou Feixoo" para "atacar a lingua galega" co decreto do plurilingüismo. Por isto mesmo, advertiu que o presidente da Xunta foi "precursor das ideas da extrema dereita". "E iso que quere ir de moderado", concluíu.

"O BNG imos defender o dereito de nenos e nenas a ter unha educación inclusiva", recalcou, á vez que reclamou a Feixoo que "marque distancias co seu partido" se "non está de acordo coa liña" seguida por Casado. "Por decencia política, o que tiña que facer é romper o carné do partido", suxeriulle.

Fronte ás peticións da oposición, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tentou sortear a polémica e asegurou que non entrará "en cuestións que afectan a outras comunidades". "Avalo o sistema educativo de Galiza, que é garantista", reivindicou.

Comentarios