O Goberno español inicia o trámite contra a censura educativa

De Murcia non retirar a censura educativa nas escolas, o Goberno español de coalición irá aos tribunais, segundo avanzou a portavoz do Executivo e ministra de Facenda, María Jesús Montero. O obxectivo é rematar coa medida defendida pola ultradereita e implantada xa polo PP e Ciudadanos na Rexión de Murcia baixo a denominación de 'pin parental', que lonxe do que indica ese termo, do que se trata é dunha censura educativa.
Isabel Celáa, María Jesús Montero e Irene Montero (Imaxe Europa Press)
photo_camera Isabel Celáa, María Jesús Montero e Irene Montero (Imaxe: Europa Press)

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, estreouse no día de onte como portavoz do Executivo español após finalizar a segunda reunión do Consello de Ministras desta semana. A comparecencia denotou a liña política en materia de igualdade co anuncio realizado por Montero sobre a posición firme do Goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos contra a censura educativa.

Xunto ás ministras de Igualdade, Irene Montero, e a de Educación, Isabel Celáa, a portavoz anunciou que o Executivo central xa remitiu á Consellaría de Educación de Murcia un requirimento para que esta proceda á retirada das instrucións enviadas aos centros educativos a principio de curso onde permitía a censura educativa en actividades externas e extra escolares.

A medida desta censura, baixo a denomianción de 'pin parental'', púxoa en voga Vox para facilitar a proxenitoras e proxenitores illar as crianzas de charlas nas escolas contra a LGTBIfobia e toda cuestión que poida contradicir os postulados ultradereitistas. 

No formulario de que Vox colocou na súa web danse instrucións sobre como apresentar instancias nos centros de ensino e onde se exixe á dirección da escola que informe as nais e pais que así o demanden de toda actividade, materia, charla ou obradoiro "que afecte a cuestións morais" ou trate sobre "a sexualidade" e "que poidan resultar intrusivas para a conciencia e a intimidade" das crianzas. Cita o formulario que o obxectivo é que a nai e/ou pai "poida coñecer e analizar" esas materias e actividades e "dar o seu consentimento ou non" para que a súa crianza asista ás aulas. 

PP e Ciudadanos defenden a censura educativa de Murcia

O Executivo de coalición de Murcia, formado polo Partido Popular e Ciudadanos e sostido polos escanos de Vox, estabeleceu que os centros educativos debían informar as familias das "actividades complementarias" previstas en clase para que decidisen a asistencia das súas crianzas.
A pasada terza feira, 14 de xaneiro, o conselleiro de Presidencia e Facenda do Goberno da Rexión de Murcia, Javier  Celdrán, admitiu que o acordo con Vox para a aprobación dos orzamentos incluía a implantación do denominado 'pin parental', ou esta censura educativa, que obrigaría a informar as nais e pais das actividades que se realicen nas aulas dentro das actividades complementarias por parte de persoal alleo ao docente.

Tamén en Andalucía a formación liderada por Santiago Abascal está tentando instaurar a censura educativa e xoga para iso co seu papel clave de sustento do Goberno autonómico en minoría, formado polo Partido Popular e Ciudadanos.

"As crianzas non pertencen aos pais"

O Goberno do Estado, por medio da súa portavoz María Jesús Montero, denunciou publicamente onte esta medida por se tratar dun "veto" e considerouna "ilegal" ao constituír unha vulneración "do dereito ao ensino".

Na rolda de prensa tamén interveu a ministra de Educación para detallar que o requirimento enviado polo Goberno de Pedro Sánchez reclama a Murcia "que restabeleza a legalidade e exclúa a censura educativa que autorizou a comezo do curso".

Tras reflexionar e, en consonancia con outros medios de comunicación, decidimos modificar o titular, entradiña e corpo desta noticia para evitar empregar o termo 'pin parental' acuñado por forzas de ultradereita', agás nos casos nos que sea preciso por razóns informativas, e substituílo polo de 'censura educativa'. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios