A oposición a Altri tamén colle forza en Bruxelas: "Non o imos permitir"
Unha concentración na mañá desta cuarta feira en Bruxelas, ante o Parlamento europeo, levou a voz do rexeitamento ao proxecto de Altri para A Ulloa até a capital comunitaria. O acto fora convocado pola deputada do BNG na Cámara europea, Ana Miranda, e na mesma tomaron parte varios eurodeputados e eurodeputadas, así como galegos e galegas que residen na capital belga.
Entre as concentradas, ademais da propia Ana Miranda, estaban entre outras, a deputada grega do grupo de non adscritos Maria Zacharia, o deputado no Parlamento europeo do PCP portugués João Oliveira, o valenciano Vicent Marzá, de Compromís; ou o austríaco Thomas Waitz, dos Verdes. Canda eles, membros da activa comunidade galega en Bruxelas, todos portando cartaces co lema "Altri non!".
“Non imos permitir que nos enganen. Os galegos e galegas temos que ser respectadas e non poden facerse proxectos altamente contaminantes que se venden como se fosen proxectos verdes”, manifestou Ana Miranda. A nacionalista vén de presentar unha pregunta dirixida á Comisión Europea para a súa resposta escrita. Nela, a eurodeputada galega pregunta se a Declaración de Impacto Ambiental que acaba de recibir o proxecto é compatíbel coa correcta aplicación da Directiva de Hábitats, "posto que Altri tería un gran impacto ambiental sobre tres especies de flora en perigo de extinción e sobre o río Ulla, o embalse de Portodemouros e a ría de Arousa".
Miranda lembrou que a oposición ao proxecto de celulosa para A Ulloa xa motivou en abril de 2024 un encontro celebrado na Comisión Europea entre unha delegación galega convidada polo BNG e representantes da comisión para analizar os riscos que suporía a implantación desta fábrica.
Pontón chama a "unha marea de dignidade"
Tamén esta cuarta, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, voltou pronunciarse sobre Altri. Acusou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de traizoar a Galiza ao pretender impor o que volveu cualificar como unha “bomba ambiental”. “Estamos ante un Goberno do Partido Popular que, pola vía dos feitos, é negacionista do cambio climático, que abraza as teses 'trumpistas' de que a preservación do medio ambiente, da biodiversidade e o coidado do planeta é 'woke'”, criticou desde A Pobra do Caramiñal (O Barbanza) para denunciar a continuación que este “negacionismo ambiental de Rueda é beneficioso para Altri, mais será un auténtico despropósito e letal” para o rural e o mar galegos.
Así o indicou no acto de apoio do BNG á mobilización convocada para este próximo sábado na Pobra contra a instalación da macrocelulosa en Galiza, acto no que tamén interveu a tenente de alcalde da localidade, Amparo Cerecedo, e no que tamén asistiron distintos representantes municipais e comarcais e as deputadas Rosana Pérez e Montserrat Prado.
Pontón fixo un chamamento a unha mobilización histórica o sábado na Pobra, convencida de que a manifestación “vai ser unha marea de dignidade”.
“Teño o convencemento de que, coa excepción de Rueda e do seu Goberno, non hai nin unha soa persoa na Galiza que non considere que a macrocelulosa de Altri vai ter un impacto letal sobre a productividade da ría de Arousa e sobre a biodiversidade”, sintetizou.

