mércores 27/01/21

A oposición acusa Feixoo de refuxiarse na televisión para evitar o control parlamentar

Os grupos da oposición exixiron de maneira conxunta reactivar o Parlamento para así poder traballar na Cámara nunha saída á crise. Consideran que o presidente da Xunta debe comparecer para explicar a situación, someterse a control democrático e escoitar as propostas dos partidos ante a emerxencia. 
Pleno da Deputación Permanente en abril na Cámara galega (Imaxe: Parlamento galego)
Pleno da Deputación Permanente en abril na Cámara galega (Imaxe: Parlamento galego)

Non é habitual que os catro grupos parlamentarios da oposición unan as súas rúbricas en comunicados conxuntos. Porén, vai xa a segunda vez que sucede desde que se decretou o estado de alarma.

No primeiro, denunciábase a "opacidade" na TVG dos partidos contrarios ao Goberno, criticando a non emisión do debate producido na Cámara galega sobre a crise.

O segundo documento, publicado na segunda feira 27 de abril, nace tamén en defensa do Parlamento. Nel púlase por reactivar o Hórreo, facer seguimento e control ao Executivo, ínstase o presidente da Xunta a expor a situación, a responder as preguntas da oposición e a escoitar as súas propostas para saír da crise. 

Ao Parlamento estar disolto, por mor da convocatoria dos comicios galegos, o órgano activo é a súa Deputación Permanente, que conta cunha pequena representación de cada grupo. Porén, o presidente Alberto Núñez Feixoo compareceu nela só unha vez, o pasado 26 de marzo. A anterior ocasión en que compareceu na Cámara foi na sesión parlamentaria do 5 de febreiro. Así pois, a oposición acusa a Feixoo de "evitar o control democrático" ao só ter acudido ao Hórreo dúas veces en tres meses. 

Unha reactivación en dúas fases até os comicios

O documento desta segunda feira leva os logotipos do PSdeG, de Galicia en Común Anova Mareas, do Bloque Nacionalista Galego e do Grupo Mixto, que está composto polos escanos de En Marea. No escrito formúlase unha proposta de funcionamento do Parlamento a través da Deputación Permanente.

Esa reactivación da Cámara estrutúrase en dúas etapas. A primeira sería para aplicar durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria e consistiría en que a Deputación Permanente mantivese unha reunión semanal. En todas elas comparecería Feixoo e unha conselleira ou conselleiro, a decidir por acordo das forzas. Así mesmo, cada grupo podería presentar unha proposición non de lei en cada xuntanza. 

"Feixoo compareceu unha soa vez no Parlamento e, non obstante, fíxoo até 21 veces na TVG", sinalou Pontón 

A segunda fase aplicaríase ao finalizar o estado de alarma e duraría até a realización das eleccións galegas. Así, e unha vez determinada a duración desta situación, estabeleceríase o número de iniciativas totais, mantendo os criterios de proporcionalidade no reparto de iniciativas que para cada período de sesións se viña utilizando. Para esta segunda fase, a oposición pide ademais que a Deputación Permanente manteña unha reunión semanal,  que cada quince días a orde do día inclúa preguntas ao presidente da Xunta e que, cando non haxa cuestións, se produza unha comparecencia. En cada sesión habería interpelacións,  mocións e poderíanse presentar proposicións non de lei. 

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, evitou pronunciarse sobre a proposta da oposición. Si enfatizou que o PP foi "o primeiro" en defender que o Parlamento debía "permanecer aberto". Rexeitou ademais as críticas da portavoz do BNG, Ana Pontón, que acusou o Executivo de camiñar cara a "un sistema autoritario". Con todo, a orde do día remitida para a Deputación Permanente de mañá non inclúe  a comparecencia do presidente. 

Instan a Feixoo a acudir á Cámara todas as semanas

"Cada semana que Feixoo non comparece é unha fraude ao acordo alcanzado coas forzas políticas para adiar as eleccións. Non pode dilatar máis as súas responsabilidades, ten que comparecer en sede parlamentaria", sentenciou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. O líder da oposición tamén se referiu nesta segunda feira á desescalada e volveu considerar que debe ser o Goberno estatal quen coordine esa fase para evitar riscos.

Caballero acusou Feixoo de só comparecer na televisión para evitar as preguntas da oposición

O voceiro de Galicia en Común Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou a Feixoo que “escoite” a sociedade galega e as súas representantes políticas e que "deixe de tomar en solitario decisións descoordinadas que obstaculizan a loita contra a  crise". Reino voltou a incidir na medicalización e intervención das residencias de maiores e en que todos os recursos da sanidade privada se poñan a disposición da pública, a cal se atopa “depauperada polos recortes".

A proposta asinada polos grupos recolle demandas xa postuladas polo BNG, que solicitara a Feixoo comparecer semanalmente. De feito, o Bloque presentou a pasada semana unha batería de propostas fronte a crise para debater na Deputación Permanente. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu tamén trazar un desconfinamento adaptado á realidade galega e pactado no Parlamento, reforzar o sistema público de saúde e alcanzar "un acordo de país para a reconstrución económica e social da Galiza". 

Desde En Marea tamén consideraron que "a Galiza non pode estar privada indefinidamente do Parlamento e sen que exista un  contrapeso real ao poder executivo no noso país".

Unha vez na Cámara e 21 diante das cámaras

Os partidos da oposición entenden que o presidente da Xunta debe acudir ao Parlamento e non limitar as súas comparecencias unicamente ás roldas emitidas na televisión. "Desde que se declarou o estado de alarma, Alberto Núñez Feixoo compareceu unha soa vez no Parlamento e, non obstante, fíxoo até 21 veces na TVG", sinalou a líder do BNG, Ana Pontón.

Antón Gómez-Reino denunciou que Feixoo "siga a tapar con propaganda” unha xestión neglixente da crise 

"Nin podemos ter un telepresidente nin se pode gobernar Galiza desde unha pantalla", dixo a nacionalista. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou Feixoo de só comparecer na televisión para evitar as preguntas da oposición. "Parece que lle saen sarabullos cando falamos do Parlamento", dixo. Pola súa banda, o voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, denunciou que Feixoo "siga a tapar con propaganda” unha xestión neglixente da crise. 

comentarios