Política

Galicia en Común advirte a Feixoo de que "pon en risco o futuro da Galiza" ao tomar "decisións en solitario"

O portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino, reclama ao presidente galego que "deixe de tomar en solitario decisións descoordinadas que obstaculizan a loita contra a crise e a epidemia da COVID-19".
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).
photo_camera Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).

"Feixoo preside un Goberno caducado que está tomando en solitario decisións que poñen en risco o futuro da Galiza". Foron as palabras do portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, esta segunda feira nunha comparecencia na que reclamou ao presidente galego q "escoite" á sociedade e aos seus representantes políticos e que "deixe de tomar en solitario decisións descoordinadas que obstaculizan a loita contra a crise e a epidemia da COVID-19".

"Desde o primeiro momento puxémonos á disposición do presidente da Xunta conscientes da necesidade dunha actuación coordinada e leal de todas as institucións galegas, incluídos os partidos políticos", manifestou Gómez-Reino cando van 45 días desde que se decretou o estado de alarma.

"Nós fomos leais e cumprimos, fixemos propostas construtivas dirixidas a apoiar a loita contra a crise en materia sanitaria, educativa, social, cultural, de apoio a empresas, traballadores, pemes e familias, dos sectores industrial, marisqueiro, pesqueiro e agrogandeiro, etc. Ningunha foi escoitada", lamentou. 

Desta maneita, o portavoz lembrou que Galicia en Común-Anova Mareas propuxo hai semanas a "medicalización e intervención" das residencias de maiores, que a día de hoxe seguen a padecer "unha situación demencial", coa Fiscalía investigando denuncias penais de familiares de falecidos. Tamén recordou que a coalición leva máis dun mes reclamando "que todos os recursos da sanidade privada se poñan a disposición da sanidade pública, depauperada até o extremo por anos de recortes e privatizacións".

"Desprezo polo público"

"Lonxe de escoitar e dialogar, Feixoo segue a adoptar unliteralmente decisións que prexudican á loita contra a COVID-19 na Galiza: pechouse a UCI do hospital Montecelo de Pontevedra en plena epidemia, aínda non sabemos que vai pasar cos contratos do persoal sanitario que expiran en abril, a Xunta vén de sobrecargar de traballo ás enfermeiras de atención primaria cun estudo epidemiolóxico que impide que adiquen todo o seu esforzo á contención da epidemia...", salientou. 

"Estes 45 días foron un resumo perfecto da xestión de Feixoo estes once anos: neglixencia tapada con propaganda, desprezo polo público revestido con mentiras", criticou, para reclamarlle que "escoite ás portavoces dos partidos políticos, ás familias de usuarias de residencias, ás sanitarios, ás estudantes, profesores e nais e pais de alumnas, ás traballadoras, ás paradas, ás autónomas e ás pequenas empresarias, ás agricultoras e ás mariscadoras".

Comentarios