Política

PSdeG urxe que Feixoo explique no Parlamento os contaxios de coronavirus nas residencias de maiores

O líder das socialistas galegas, Gonzalo Caballero, salienta que o presidente galego "non pode seguir nesta fuxida cara adiante", pois só compareceu unha vez perante a Cámara desde que comezou o estado de alarma hai 45 días. 
Gonzalo Caballero (PSdeG).
photo_camera Gonzalo Caballero (PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu o presidente da Xunta a dar conta no Parlamento da situación das residencias de maiores onde hai contaxios da COVID-19, a detallar o material de protección dispoñíbel na Galiza e a informar das súas medidas nos eidos económico e social fronte a esta pandemia.

Caballero denunciou que hai máis dun mes da única comparecencia na Cámara de Alberto Núñez Feixoo desde o inicio do estado de alarma mentres que "no mesmo tempo leva máis de vinte roldas de prensa".

"Parece que a Feixoo lle sae unha rañeira por ir ao Parlamento", recalcou o líder das socialistas galegos, para instar a Feixoo que "estea á altura do acordo que lle posibilitou ser presidente de xeito interino" a pesares da disolución da Cámara "con motivo da súa decisión de adiantar as eleccións".

Caballero advertiu que Feixoo ten que "acudir á sede da soberanía popular", toda vez que se atopa nunha posición "aconstitucional" após acordo para aprazar as eleccións. "Non pode seguir nesta fuxida cara adiante", incidiu.

Situación nas residencias 

"Feixoo ten que falar das súas competencias: da situación da sanidade pública e das residencias e da crise económica derivada da pandemia", subliñou secretario xeral do PSdeG, quen lembrou ao presidente galego que "non aproveite o cheque de confianza que lle demos para non render contas".

"O que máis nos preocupa son as residencias: Feixoo ten que explicar o que ocorreu, como entrou o virus nos centros de maiores, que medidas non tomaron os donos das residencias e a Xunta para que sexan o lugar con máis contaxios e co nivel de falecementos máis elevado", enfatizou Caballero.

Comentarios