O estado da oposición en tempos de coronavirus

A oposición busca espazo nesta situación de excepcionalidade provocada pola pandemia do coronavirus. Mentres o Partido Popular continúa nunha longa campaña electoral coa mirada fixa nuns comicios que quere celebrar antes de outono, PSOE, BNG e Galicia en Común lanzan propostas para facer fronte á situación.

Un pleno ordinario no Parlamento galego (Arquivo).
photo_camera Un pleno ordinario no Parlamento galego (Arquivo).

Os ataques sen tregua do Partido Popular e Vox contra o Goberno de Pedro Sánchez contrastan co ton da oposición na Galiza. Se as forzas políticas galegas teñen demostrado ao longo da crise a disposición a dialogar e buscar acordos co Executivo de Núñez Feixoo, as dúas dereitas néganse a estabelecer calquera tipo de contacto formal co gabinete formado polos socialistas e Unidas Podemos. 

O PP estalle demandando a Pedro Sánchez as mesmas medidas que Feixoo se nega a aplicar na Galiza. Así, desde as forzas oposición afean que o presidente galego se negue a aprobar un aumento de salario para as traballadoras da sanidade, na liña do solicitado por Pablo Casado ao mandatario español. Outro tanto acontece co uso dos medios de comunicación públicos no horario de máxima audiencia, algo que desde a dereita lle recriminan a Sánchez, chegando mesmo a acusalo de prácticas de réximes autoritarios. 

O PP estalle demandando a Pedro Sánchez as mesmas medidas que Feixoo se nega a aplicar na Galiza

Gonzalo Caballero está condicionado pola dialéctica política estatal. As posibilidades dos socialistas na Galiza sempre dependen das súas expectativas no conxunto do Estado, polo que a baixada que lle atribúen ao PSOE ás últimas enquisas teñen o seu correlato no país. A este respecto, os datos ofrecidos polo último estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) veñen confirmar a perda de apoio dos socialistas e o deterioro da imaxe do seu principal activo electoral, Pedro Sánchez, na liña do xa apuntado por outras sondaxes.

O secretario xeral dos socialistas galegos continua centrado na defensa fechada da acción do Executivo estatal. Aínda así, tenta sacar cabeza denunciando aqueles aspectos máis lesivos da xestión da Xunta nesta pandemia, moi particularmente a situación creada nas residencias. Caballero vén de solicitarlle ao Goberno galego que clarifique a cifra de usuarios e usuarias de residencias de maiores que faleceron durante a pandemia sen que se lles practicase a proba do coronavirus e que non figuran no cómputo oficial.

Segundo o dirixente socialista, a situación das residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional segue sendo o maior problema na loita contra o virus na Galiza tendo en conta que "seguen existindo residencias con contaxios masivos sen intervir", significando que “cada día que pasa na Galiza hai máis falecidos en residencias, hai que intervir en todas nas que hai situacións de gravidade, a Xunta non se pode pór de costas".

Entre o Goberno e a oposición

A posición de Antón Gómez-Reino está condicionada pola presenza de Unidas Podemos no Goberno do Estado. A participación de compañeiras da súa formación no Executivo central, entre elas Yolanda Díaz, a outra referente da formación, obriga o candidato da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas a modular os termos das súas críticas á acción de Feixoo. Neste sentido, desde diversos sectores da formación demandan unha maior contundencia na denuncia das políticas da Xunta e marcar distancias con Pedro Sánchez.

A conxuntura non é doada para Galicia en Común-Anova-Mareas. A crítica da formación á acción de Feixoo perde eficacia ao facer parte do Goberno do Estado, sendo tamén complicada de preservar a equidistancia coas decisións dos ministerios socialistas, actuando a un tempo como Goberno e oposición. Aínda así, Gómez-Reino mantén un perfil moi activo nos medios de comunicación, denunciando na xornada de onte o retraso na tramitación dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por parte da Xunta da Galiza.

Ana Pontón está instalada na proposta. A portavoz nacional do BNG leva lanzando alternativas desde o inicio da pandemia. Porén, a súa incidencia, nunha conxuntura como actual, está por ver. As circunstancias, co Parlamento da Galiza fechado e cun escenario que dificulta o labor da militancia, o principal activo do Bloque á hora de espallar a súa mensaxe, obrigan a facer da necesidade virtude. Neste sentido pódese explicar a conversa realizada onte entre Pontón e o escritor Suso de Toro e transmitida a través de Facebook.

A posición do BNG está mudando nos últimos días. A isto ten contribuído a negativa da Xunta da Galiza a atender as alternativas formuladas desde a formación pero tamén os novos datos a respecto dos erros cometidos polo Executivo galego na xestión. A próxima comparecencia de Feixoo na Deputación Permanente vai representar o momento para comprobar o alcance desta viraxe, na liña da evidenciada no Congreso dos Deputados, onde o seu deputado, Néstor Rego, tense amosado moi crítico con Sánchez.

Lealdade e responsabilidade

Actuar con lealdade obriga a exercer a crítica. Mentres a pandemia segue batendo na sociedade, os retallos aplicados ao sector público impiden unha resposta máis contundente contra a epidemia, as traballadoras da sanidade e dos servizos sociais enfróntanse a ela sen os equipos de protección necesarios e os centros de maiores continúan no seu particular inferno, correspóndelle á oposición ofrecer propostas ás urxencias inmediatas e denunciar a resposta insuficiente do Executivo galego.

Ser responsábel implica formular alternativas para os escenarios futuros. O  fortalecemento do sistema sanitario público co obxectivo de enfrontar con máis medios as réplicas da pandemia, a reformulación do actual modelo de atención ás persoas maiores, a ampliación da cobertura da protección social e a mudanza do modelo económico impulsando a produción nacional son algunhas das tarefas que non poden agardar. 

Comentarios