Política

BNG exixe "pactar" a desescalada na Galiza, "reforzar" a sanidade e un "pacto de país" para a economía

Ana Pontón insta a Feixoo que "faga os deberes" para garantir un desconfinamento "seguro" e solicita que se tomen como referencia as comarcas, distinguindo entre rural e urbano, e non as áreas sanitarias como propón a Xunta. 

Ana Pontón na rolda de prensa desta segunda feira (BNG).
photo_camera Ana Pontón na rolda de prensa desta segunda feira (BNG).

O Bloque Nacionalista Galego trasladou esta segunda feira, após a reunión da súa Executiva nacional, as tres prioridades que defende en relación á crise do coronavirus neste momento: un desconfinamento adaptado á realidade da Galiza e pactado no Parlamento, reforzar o sistema público de saúde (cun énfase na atención primaria), e un acordo de país para a reconstrución económica e social

A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, explicou que aposta pola "precaución" para que a desescalada sexa segura "e evitar dar pasos atrás botando por terra o conseguido con tanto esforzo". Sen opoñerse a que existan criterios xerais pactados, inciden en que as medidas concretas "deben tomarse no ámbito galego", pois "hai un maior coñecemento das nosa propia realidade”. 

Pontón reprochou ao presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, "que se esconda tras o mando único" en lugar de "liderar a toma de decisións" para un desconfinamento que desde o BNG entenden que terá que ser acordado coas forzas políticas e os axentes sociais.

Así mesmo, as nacionalistas solicitan que a escala de referencia "debe ser comarcal" e "distinguir a realidade rural da urbana", e non depender da distribución por áreas sanitarias como avanzou a Xunta.

Máscaras gratuítas e test masivos

O prioritario para o BNG é que esta saída do confinamento sexa segura. Para iso urxe que as máscaras sexan de uso obrigatorio e distribuídas de xeito gratuíto, así como a realización de test masivos e a dotación do persoal necesario para facer un seguimento do virus entre a poboación. 

"Pode Feixoo garantir que vai haber máscaras, test e persoas para facer o rastrexo de casos que se detecten? Ter os deberes feitos desde a Galiza é chave para facer un desconfinamento seguro", alegou Pontón.

Para "apuntalar" o sistema público de saúde, o BNG insiste nun plan de reforzo da atención primaria dotado con 200 millóns de euros "por ser esta a máis prexudicada pola década de recortes do PP".

"Unha das ensinanzas que nos deixa este virus é que precisamos un sistema sanitario público robusto para enfrontar esta pandemia e as que poidan vir no futuro, por iso é prioritario reverter os recortes e privatizacións e nesa liña hai que traballar", argumentou a portavoz.

Un novo paradigma

No ámbito económico e social, a formación nacionalista constata os efectos "devastadores" desta crise e propón un acordo de país para a reconstrución. "Unha actuación política solvente debe anticiparse e definir os piares dun novo modelo para a Galiza post-COVID-19 porque os efectos desta pandemia non poden abordarse desde a rutina senón con políticas excepcionais acordes co desafío", asegurou Ana Pontón. 

"O neoliberalismo e os seus dogmas fracasaron, e desta crise non se vai saír nin con recortes nos salarios da clase traballadora, nin con recortes na capacidade do sector público, senón apostando por un novo paradigma que pasa por reforzar as políticas públicas e por reforzar a capacidade de decidir desde a Galiza sobre aqueles asuntos chave para o nosa economía, por apostar por un novo modelo produtivo", describiu a líder do BNG. 

Para as nacionalistas este acordo de país, pactado con todas as forzas políticas e cos axentes económicos e sociais, debe estar inspirado por unha "defensa do sector público como motor do desenvolvemento económico e garante da xustiza social"; o "impulso do tecido produtivo"; a "aposta estratéxica pola ciencia e o coñecemento"; o "fortalecemento dos servizos públicos e das solucións ao cambio climático". "Con estes principios, Galiza ten futuro", aseverou Pontón. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios