O PP, por debaixo da maioría absoluta

O escándalo Bárcenas pasaría factura ao Partido Popular de se produciren os comicios neste momento na Galiza. Alberto Núñez Feijóo colleitaría menos escanos que os obtidos en 2005 polo daquela candidato popular Fraga.

Segundo un inquérito publicado este domingo polo xornal La Voz de Galicia, de se produciren as eleccións neste momento, após facérense públicos os papeis que vinculan a cúpula do Partido Popular cunha pretensa contabilidade en diñeiro nego, Alberto Núñez Feijóo perdería cinco escanos no Pazo do Hórreo (o 3,5% dos seus votos). Malia a que o actual presidente da Xunta de Galiza procurou desde o primeiro momento afastarse do escándalo destapado por diversos xornais españois --asegurando que el nin sequer militaba no partido naquela altura-- o certo é que unha parte do seu electorado --nomeadamente nas circunscricións da Coruña e Pontevedra-- non votarían polo PP.

Os resultados tirados da enquisa reflicten un importante aumento do voto en blanco e a abstención --vencellada directamente á queda de apoios no PP-- e o medre de apoios da coligación electoral da que fan parte Esquerda Unida -en alza no Estado- e Anova (conseguiría 15 deputad@s). Pola súa banda, o BNG mantería a súa representación (7 escanos) entrementres o PSdeG perdería un(ha) deputad@.

Cumpre lembrar que de non se teren avanzado as eleccións ao pasado mes de Novembro, os comicios galegos non se terían realizado aínda, pois estaban axendados para o mes de Marzo de 2013.

Comentarios