O PP celebrará en xaneiro un congreso con vontade de renovar todo o partido

Alberto Núñez Feijóo anunciou esta terza feira que o congreso non só procura facer balance após as eleccións, senón que terá por obxecto trazar as novas liñas de traballo e conformar novas equipas no que asegura é "a gran forza política de Galicia". Neste sentido, Alfonso Rueda, actual secretario xeral da formación e vice-presidente da Xunta de Galiza podería converterse no sucesor de Núñez Feijóo.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo

A Directiva do Partido Popular en Galiza, o maior órgano entre congresos, acordou esta terza feira celebrar o congreso autonómico o vindeiro mes de xaneiro na cidade de Lugo. O encontro terá lugar os días 19 e 20 pretende ser, segundo afirmou Alberto Núñez Feijóo, "o punto de partida para renovar o partido na súa totalidade antes do verán".

Soaban a despedida as palabras finais do presidente do PPdeG. Alberto Núñez Feijóo interviña ao remate da xuntanza d@s populares para anunciar publicamente a data e lugar en que a organización política desenvolverá o seu congreso do que dixo, "non debe ser unha pugna de personalismos" senón "útil para a xente, aberto ás propostas", aseverou.

Feijóo asegurou que o congreso procura ser "o punto de partida" para unha renovación completa da formación 

O líder do Partido Popular e presidente da Xunta de Galiza, facía na súa intervención balanzo das últimas décadas en que dixo, "sempre estivemos". Desde Fernández Albor, Manuel Fraga até a súa irrupción como presidente da formación en 2006, Núñez Feijóo salientou que tres foron os alicerces que permitiron ao Partido Popular manterse no tempo e no goberno. "A unidade, a renovación e as políticas reformistas" salientou o presidente d@s populares, serán tamén as liñas que sirvan de guieiro á formación para "iniciar a fase de crecemento e recuperación económica" que, asegura, dará comezo ao longo desta súa segunda lexislatura á fronte do executivo galego.

Alfonso Rueda perfílase como un dos principais candidatos a suceder a Núñez Feijóo á fronte do PPdeG

No seu discurso, Núñez Feijóo tivo palabras de agradecemento para o que até o de agora foi secretario de organización da formación e para os presidentes provinciais do Partido Popular, Carlos Negreira, José Manuel Baltar e Rafael Louzán que --como de costume-- acompañábano na mesa que preside as xuntanzas da dirección política do PP. Porén, non houbo mención ningunha para Alfonso Rueda, quen até o de agora foi a súa man dereita e que ao longo destes catro anos será vice-presidente da Xunta de Galiza perfílase xa como un posíbel sucesor após o congreso que terá lugar en xaneiro de 2013. O seu ascenso até a dirección do partido e as responsabilidades políticas que lle foron encomendadas na configuración do novo goberno galego sitúano como un dos candidatos a suceder a Alberto Núñez Feijóo á fronte da formación, após unha fuxida do presidente da Xunta cara a Madrid.

Porén, Núñez Feijóo asegurou que calquera militante "pode achegar as súas propostas e presentar debates" pois, dixo, "hoxe Galicia precisa un Partido Popular que dea sosego á vida política de Galicia".

Comentarios