O BNG manterá a paga extra d@s funcionari@s

Após o anuncio do goberno español de eliminar a paga de Nadal a funcionari@s e demais traballador@s públic@s, o Bloque Nacionalista Galego manifestou, nunha conferencia de imprensa, que manterá a paga alí onde teña posibilidade de o facer.
photo_camera Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG

Nunha rolda de prensa con cargos institucionais, deputad@s e voceir@s locais, o BNG analizou a situación actual no marco dos recentes anuncios do Partido Popular a respecto da supresión da paga extraordinaria @s empregad@s públic@s e da redución de parlamentares anunciada polo goberno de Núñez Feijóo.

O voceiro nacional, Guillerme Vázquez, dixo, que as medidas aprobadas polo Partido Popular son "inxustas e non resolven nada". Neste senso, o Bloque Nacionalista Galego anunciou que mantería a paga extraordinaria de Nadal, cuxa supresión foi anunciada polo goberno de Rajoy, "alí onde teñamos competencias para facelo" --referíndose aos Concellos e Deputacións nas que sexan forza de goberno--. Segundo @s nacionalistas, a medida responde á necesidade actual de moit@s galeg@s que, nunha conxuntura económica como a actual, deben manter un nivel de vida digno.

"A redución de parlamentares restrinxe a democracia"

Doutra banda, o voceiro do BNG valorou, máis unha vez, a decisión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de reducir o número de parlamentares a 61, como "pucheirazo electoral", encamiñado a favorecer os resultados do Partido Popular nas vindeiras eleccións nacionais galegas. Segundo Guillerme Vázquez, "o BNG non vai participar desta decisión" pois, di, "non é para aforrar senón para gañar as eleccións".

@s nacionalistas consideraron hoxe a posibilidade de mellorar a calidade democrática do sistema electoral galego, para o que abriron a porta dunha reforma en profundidade da nosa lei electoral. Neste senso, Vázquez propuxo aumentar o grao de representatividade cidadá no Parlamento da Galiza a través dunha verdadeira proporcionalidade na distribución dos escanos; a aposta pola circunscrición única ou a redución do limiar electoral do 5% ao 3%.

Comentarios