No bienio 2015-2016

O BNG estima en 996 millóns o que deixou de investir o Estado no AVE a Galiza

Ana Pontón denunciou esta quinta feira o baixo nível de execución das contas do Estado na Galiza. Un clásico que se viu agravado nos últimos tempos. Só un dado: no primeiro semestre de 2017 só se executou 16,2 por cento do orzamentado por Fomento no noso país, face 54,7 do promedio estatal.

Ana Pontón nunha rolda de prensa [Imaxe: Arquivo]
photo_camera Ana Pontón

“Nos últimos anos, o grao de execución de Fomento en Galiza foi moi inferior ao do conxunto do Estado: 80,8% fronte a 107% en 2015,  47% fronte a  89% en 2016, e 16,2% de execución no primeiro semestre de 2017 fronte a 54,7% a nivel estatal”, pormenorizou Ana Pontón esta quinta feira nunha comparecencia ante a imprensa.

As cifras son especialmente elocuentes no capítulo AVE, en teoría a estrela dos investimentos de Fomento na Galiza. En 2015 -sempre segundo as estimacións feitas públicas esta quinta feira pola líder do BNG- o nível de execución das obras da alta velocidade ficou en 40 por cento, unha percentaxe pequena, embora superior ás rexistadas en 2016 (28,7 por cento) e no primeiro trimestre de 2017 (13,9).

Más notícias tamén no capítulo de Renfe-Operadora, os fondos destinados á modernización das redes ferroviarias xa existentes. Aquí o Estado tería deixado de investir -no bienio 2015-2016- 94 por cento do orzamentado, unha perda de recursos que o Bloque cifra na contorna dos 40 millóns de euros. “Con estas cifras non fai falta ser adiviña nin premio Nobel de Economía para entender por que o AVE leva décadas de retrasos e por que Galiza soporta un ferrocarril do século XIX na maior parte do territorio e que, por exemplo, entre Ferrol e Coruña se chegue antes en bicicleta que por tren”, ironizou Pontón.

"Con estas cifras non fai falta ser adiviña nin premio Nobel de Economía para entender por que o AVE leva décadas de retrasos"

A cousa é máis grave aínda se levamos en conta que o baixo nível de execución se produce sobre uns orzamentos que, enfatiza Pontón, experimentaron unha contracción das maiores dos últimos exercicios, ao totalizar 442 millóns de euros menos que os presupostos imediamente anteriores.

A líder do BNG ve nestes dados un sinal da "irrelevancia política" á que Feijóo "conduce a este país". Non fica aí a crítica e Pontón pergúntase que foi daquela comisión de control orzamental anunciada polo presidente da Xunta na cámara galega a 5 de abril de 2017. “Unha comisión específica que, e cito textual, garanta aos galegos e as galegas o compromiso de España con Galiza, que ía presidir o propio Feijóo, pero da que nunca máis se soubo, e á vista dos resultados debía ter como obxectivo saír ao paso e conseguir un titular", censurou.

Pontón pergúntase que foi daquela comisión de control orzamental anunciada polo presidente da Xunta na cámara galega a 5 de abril de 2017

E agora? O BNG propón un acordo das forzas políticas no Parlamento galego para reclamar do Estado a materialización dos investimentos non realizados, e entende que o lóxico sería que fose o propio Feijóo quen liderase esa demanda política. "O Goberno central debe compensar a Galiza por eses recursos que quedaron en papel mollado”, acrecentou Pontón, quen defende que na negociación dos orzamentos para 2018 -en curso- Feijóo "faga valer" o peso dos 12 parlamentares eleitos nas listas do PP nas circunscricións galegas. “Que será antes para Feijóo, servir a Rajoy ou servir aos galegos e as galegas?", perguntouse a líder nacionalista.

Comentarios