Nós anima a votar con ilusión e en clave galega

Carlos Callón, Carme Adán, Olalla Rodil e Noa Presas, números 1 de Nós Candidatura Galega, xa exerceron o dereito ao voto e animaron todas as persoas a votar con ilusión e en clave galega.

callon vota

O cabeza de lista de Nós Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, votou contra as 10.30h no pavillón municipal de Bertamiráns, onde fixo un chamado a todas as persoas para que “acudan a votar e o fagan con ilusión”. “Quero convidar todos os galegos e galegas a votar, que acudan as urnas a votar e que depositen a papeleta pensando nas súas propostas, nos seus proxectos e nas súas ilusións, nos seus desexos, tanto a nivel persoal como a nivel galego”, sinalou Callón en declaracións aos medios á saída do colexio electoral.

Amais de xantar coa familia, o cabeza de lista pola Coruña explicou que ía pasar a meirande parte do día visitando todas as mesas electorais que lle fose posíbel para saudar as “formiguiñas” de Nós Candidatura Galega, en alusión ás persoas interventoras e apoderadas.

Na mesma liña, a número 1 por Pontevedra, Carme Adán, expresou á saída do colexio electoral que “para nós e un día moi emocionante, confiamos moito nos galegos e nas galegas para contribuír a desaloxar Rajoy da Moncloa, pero o máis importante é que Galiza teña voz propia para seguir a defender os intereses dos galegos e das galegas no Congreso dos Deputados". 

Noa Presas, cabeza de lista por Ourense, votou pasadas as 12h nunha mesa electoral do barrio da Ponte, onde declarou que “desde Nós Candidatura Galega afrontamos esta xornada co optimismo, a alegría e toda a forza que fomos recollendo durante toda a campaña”. Tamén exerceu o seu dereito ao voto Olalla Rodil, número 1 de Nós por Lugo, quen depositou a papeleta na escola do Chao do Pousadoiro, no concello de Ribeira de Piquín. Rodil pediulle a todas as galegas e galegos que participen neste proceso electoral "para que a partir de mañá a opinión de Galiza estea presente nas institucións do estado español".

Comentarios