"Non temos rei: Democracia, liberdade e repúblicas", BNG, ERC e Bildu rexeitan a monarquía española no inicio da lexislatura

As tres forzas políticas reiteran a súa posición contraria á monarquía do Estado español e salientan que non recoñecen a súa figura como Xefe de Estado.
Matute, Rego, Aizpurua, Rufián e Jordà (Foto: Nós Diario).
photo_camera Matute, Rego, Aizpurua, Rufián e Jordà (Foto: Nós Diario).

“As forzas políticas independentistas, soberanistas e republicanas asinantes desta declaración, queremos manifestar: A monarquía é unha institución anacrónica, incompatíbel con principios democráticos esenciais en tanto que hereditaria e vitalicia. No caso do Estado español, aliás, ese carácter antidemocrático vese acentuado polo feito de ter sido imposta polo ditador Franco e ser, nesa medida, unha herdanza do franquismo”.

Así comeza o comunicado conxunto ao que tivo acceso Nós Diario feito público por BNG, ERC e Bildu con motivo do inicio da lexislatura no Congreso. Estas tres forzas reiteran no documento o seu rexeitamento á monarquía española que, segundo indican, “é un estamento que non responde aos valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia que tanto os cidadáns e cidadás dos nosos pobos como as maiorías sociais do Estado anhelan”.

Para alén diso, aseveran que “unha verdadeira democracia só será posíbel a partir da ruptura coa herdanza, as bases e valores que representa o rei e a súa figura. Por iso, consideramos que o rei e a monarquía, que non son elixidos democraticamente, deben deixar de exercer a súa tutela sobre a cidadanía e sobre os gobernos e parlamentos que si o son. Só así se poderá avanzar en liberdade e en democracia”.

"Non nos representan"

“Por tanto, a monarquía española e o rei de España, non nos representan. As sociedades galega, catalá e vasca rexeitan maioritariamente a figura dunha institución monárquica que se vincula, ademais, ao obxectivo de manter e impor a unidade de España e as súas leis, negando así os dereitos civís, políticos e nacionais que asisten as nosas cidadanías e os nosos pobos”, continúa o comunicado.

Para BNG, ERC e Bildu “no camiño democrático para a liberdade dos nosos pobos, que non só é unha aspiración lexítima senón inadiábel, o rei español non é un interlocutor válido para nós. Nin ten a lexitimidade dos nosos pobos, nin lle recoñecemos ningunha función política. Menos aínda cando o seu papel para coas nosas nacións non foi outro que o de tentar impor proxectos e valores antidemocráticos”.

Por último estas tres forzas políticas finalizan indicando que “reafirmamos a nosa vontade de continuar traballando para facer efectivo, máis cedo do que tarde, o ideal de democracia, liberdade e repúblicas”.

Comentarios