COMEZA A CONTA ATRÁS PARA O 24M

Unha noite na que pode comezar a mudar o rumbo da Galiza municipal

Comezou oficialmente a campaña electoral das municipais. Dúas semanas por diante nas que está en xogo moito máis que os gobernos locais dos 314 concellos galegos. 

BNGbo

Non faltou a chuvia no inicio da campaña electoral das municipais en Galiza, quizás para cumprir co típico tópico que se nos pon desde outras latitudes (e climas) de que aquí chove sempre. O certo é que choveu en actos como os da capital de Galiza, embora non os desluciu. Se estes ficaron deslucidos foi por outras causas. Na compostelá Praza Roxa apenas unha vintena de persoas asistían á previa do acto principal de inicio da campaña de Cidadáns. A formación á que o CIS dá na súa sondaxe de abril 2 concelleiros en Compostela, o partido de moda que enche as tertulias políticas da grella televisiva. Había case tantos globos laranxas -cor elixido por este partido- que persoas. Unha imaxe, globos laranxas de noite na Praza Roxa, que podían levar a algún despistado a pensar que se trataba dunha despedida de solteiro/a ou de universitarios en plena esmorga.

Mais iso acontecía nunha parte da Praza Roxa, curiosamente onde están as tendas de moda e as sucursais bancarias. Da outra, curiosamente a que dá ás escaleiras para o parque e a zona de convivio, tiña o BNG o seu acto de comezo de campaña. Máis de medio cento de persoas, bo humor e bo ambiente, bromas, ánimos partillados entre as e os asistentes e a confianza en que os resultados van ser bos para o nacionalismo na capital de Galiza. O candidato, Rubén Cela, cunha mensaxe clara: despois de “catro anos de inverno” o 24 de maio “vai chegar a primavera” a Compostela.

Compsoetlaberta

Zona Vella

A Zona Vella acollía tres actos. Na Praza do Toural, o Partido Popular. Pouca xente para un partido que goberna con maioría absoluta. Iso si, máis xente que en Ciudadanos. A persoa que presenta a Agustín Hernández, aspirante a recuncar como alcalde, afirma del que “é a esperanza de moitísimos santiagueses”, “a ilusión e a confianza de Santiago”. Os aplausos non é que se escoitasen moito, ratificando un ambiente de certa frialdade ou desencanto.. Ou pode simplemente que fose a chuvia que persistía en caer, miúda, iso si, e que a xente tivese gañas de marchar para a casa.

Un grupo de mozos pasou polos soportais mentres a presentadora debullaba máis e mais eloxios a “Don Agustín” e, medio en brincadeira, medio en serio, entoan a media voz uns ‘Fóra, Fóra’. Tan a media voz que ninguén entre os que atendían ao acto se decatou.

psdeg

Na Praza de Praterías tiña o PSdeG o inicio de campaña co seu secretarioo xeral, Gómez Besteiro, apoiando o candidato Francisco Reyes. Unha das prazas máis fermosas de Compostela en cuxos soportais Besteiro fixo unha chamada a ter en conta a importancia desta cita, pois, dixo, “xogámonos iniciar o camiño do cambio en España e en Galiza fronte á un modelo da dereita que perpetúa os recortes, o empobrecemento e a fraude como forma de goberno".

Entre as persoas asistentes falábase moito da enquisa do CIS que, malia dar unha baixada do PSdG, abría as portas a ter a Reyes de alcalde de Compostela en base a un pacto dos socialistas con Compostela Aberta e BNG. Víaselles contentos, como quen atopa un regalo que non espera.

Pola súa parte, Compostela Aberta realizou o seu arranque de campaña na Praza de Mazarelos, onde se atopa o Arco do mesmo nome, unha das portas históricas de entrada á cidade. O acto consistiu, de feito, en entrar o candidato Martiño Noriega e resto de candidatura a través dese arco, abrindo as portas, nun alegato ao poder da xente do común. “Non inauguramos campaña, abrimos a porta para chegar ao Concello”, afirmaron desde Compostela Aberta. “Moita forza e moita dignidade” pedía Noriega, animando aos asistentes para dúas semanas de campaña nas que lograr que CA sexa primeira forza. Perto de alí, na Praza 8 de Marzo, estivo Compromiso por Galicia, que apelou ao voto “progresista galeguista” para construír outra cidade.

2015-05-07 23.53.11

Núñez Feijóo elixiu Vigo para o acto de colaxe de cartaces. Desde alí, unha mensaxe clara: ou o PP ou o caos. Os populares como garantía de estabilidade e recuperación económica fronte á unhas forzas que só procuran coligazóns para se repartir os cargos. A Coruña foi a cidade onde deu inicio á campaña o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu a alternativa nacionalista, un proxecto que amosa alí onde goberna que é posíbel facer unha outra política, alegou.

Comezou a campaña electoral para as municipais. O escritor irlandés George Bernard Shaw escribira xa vai unhas décadas aquilo de que “a democracia é un sistema que che garante que non vas ser gobernado mellor do que mereces”. A ver se desta vai ser que non, 

Comentarios