BARóMETRO DE ABRIL DO CIS

Lene suba do BNG, o PSOE supera Podemos e o PP continúa como primeira forza

Os populares mantéñense como primeira forza, 25,6%, malia seguir perdendo votos. Os socialistas superan Podemos, que pasa do 23,9 a un 16,5%, e o BNG ten un lixeiro aumento. Ciudadanos, case no 14%, sería cuarta forza.

Voto eleccións
photo_camera Voto eleccións

O barómetro de abril do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) trae non poucas novidades a respecto do barómetro anterior, de xaneiro, unha das principais, que o PSOE (24,3%) recupera o posto de segunda forza en estimación de voto a costa dun Podemos que cae desde principios de ano sete puntos (do 23,9 ao 16,5%). O Partido Popular segue como primeiro partido, mais non frea a perda de votos (27,3% en xaneiro, 25,6% en abril). E Ciudadanos salta de apenas o 3 por cento que tiña en xaneiro a case o 14% en abril, sitúase a menos de 3 puntos de Podemos e de ser a terceira forza. UPyD e Izquierda Unida seguen en queda. A formación maxenta pasa ser case que residual, cun 1,9%. IU non chega ao 5 por cento, e fica nun 4,8%, cedendo espazo a respecto do 5,2% de abril.

O BNG segue en liña ascendente en estimación de voto. Consegue un 0,6%, o que significa que aumenta unha décima a respecto do barómetro de xaneiro (0,5%), cando xa subira tamén unha décima en comparación co CIS anterior, de novembro de 2014.

Dentro do soberanismo, a coligazón da esquerda abertzale Amaiur tamén experimenta unha lene suba, pasando a ter un voto estimado do 1% fronte ao 0,9% de principios de ano. O PNV mantense no mesmo 0,7% que obtiña hai cinco meses.

O barómetro do CIS outórgalle a ERC un 2% de voto estimado, catro décimas máis que no barómetro de xaneiro (1,6%). Unha suba que tamén experimenta CIU, que pasa dun 3 a un 3,2%.

Compostela, sen maiorías absolutas

Neste barómetro do CIS tamén se trae unha enquisa sobre diversas cidades de cara a estas eleccións municipais. Santiago de Compostela é a única localidade galega que aparece nesa sondaxe. Segundo a mesma, o PP tería entre 9 e 10 concelleir@s (ten 13)na capital de Galiza, o PSdeG obtería 6/7 (ten 9), Compostela Aberta entraría con 5, o BNG obtería 2 (3) e Cidadáns atinxiría 2 edís.

En base a esta enquisa, por volta dun 37% das persoas enquisadas non sabe ou non contesta á pregunta de por quen vai votar nas eleccións do vindeiro día 24 en Compostela.

Un 40,5% das persoas enquisadas cualifica de regular a xestión do Concello de Compostela nestes catro anos, un 25,3% de mala e un 18% de moi mala. Só un 10 por cento a cualifica de boa.

A enquisa realizouse entre o 23 de marzo e 19 de abril entre 499 persoas. O erro de mostraxe é máis/menos do 4,5%

Comentarios