Néstor Rego, Olalla Rodil, Francisco García e Carme da Silva, cabezas de lista do BNG ás estatais

O Consello Nacional do BNG aprobou na mañá do sábado as candidaturas e o programa electoral cos que a forza nacionalista busca recuperar a súa presenza no Congreso. Repiten á fronte da Coruña e de Pontevedra Néstor Rego e Carme da Silva e mudan Lugo e Ourense, onde se presentarán Olalla Rodil e Francisco García respectivamente.

[Imaxe: BNG] Ana Pontón e o deputado .
photo_camera [Imaxe: BNG] Ana Pontón.

O Consello Nacional do BNG aprobou na mañá do sábado o programa electoral e as candidaturas ás eleccións estatais do 10 de novembro. Mudan, os cabezas de cartel das circunscricións de Lugo e Ourense. Por Lugo preséntase Olalla Rodil, actual viceportavoz parlamentaria, despois de que o resultado electoral obtido polo BNG na cidade de Lugo levase Maite Ferreiro a formar parte do equipo de Goberno municipal e a asumir a Vicepresidencia da Deputación.

Por Ourense encabezará a lista o ex alcalde de Allariz, Francisco García, pois o cabeza de lista ás eleccións do 28 de abril, Iago Tabarés, non pode repetir por razóns persoais de dispoñibilidade. Aínda así, Tabarés ratifica o seu compromiso co BNG fechando a lista.

Néstor Rego, portavoz dos "19 de Meirás" imputadas e imputados por denunciar o franquismo; tenente de alcalde e concelleiro de Cultura en Compostela de 2003 a 2008 e profesor no IES Antón Fraguas da mesma cidade e Carme da Silva, concelleira en Pontevedra e ex deputada no Parlamento galego, recuncan como cabezas de cartel pola Coruña e por Pontevedra respectivamente.

“Solvencia, experiencia e renovación” son as palabras que empregou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, para definir as candidaturas.

"Mans libres"

Na intervención diante dos medios, Pontón sinalou que existe “unha maioría consciente de que a solución aos problemas do país non vai vir nin do bipartidismo de sempre nin do baile de siglas dunhas forzas estatais que demostraron ter un denominador común: o seu pasotismo con Galiza”.

Neste contexto, a portavoz do BNG apostou en mudar o guión cunha forza política “coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, para “facernos valer como país sen pedirlle permiso a ninguén” e para “construír unha Galiza cun futuro mellor na que vivir e traballar”. “Esa forza política foi, é e será sempre o Bloque Nacionalista Galego”, salientou.

A portavoz nacionalista lembrou que o 28 de abril, logo de duplicar os votos a respeito dos anteriores comicios, o BNG quedou ás portas de obter un escano en Madrid, “este 10-N témolo ao alcance da man, na punta dos dedos, porque estamos convencidas de que a xente deste país tomou  boa nota do pasotismo con Galiza, tomou boa nota da inutilidade das forzas estatais que xogaron co seu voto, e vai apostar no  BNG para ter unha voz propia en Madrid”. 

Pontón lamentou que Galiza estea “desaparecida” da axenda do Estado e puxo de manifesto que “sen o BNG no Congreso, Galiza perde”. Concluíu repetindo a proclama “menos Madrid e máis Galiza” para “conquistar un futuro mellor”.

Comentarios