Nacionalistas e socialistas parten como favoritos para gobernar as cidades galegas

O BNG e o PSdeG contan con reter o poder nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Alfonso Rueda e Ana Pontón, nos seus respectivos actos, onte en Redondela; e Valentín Formoso, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda e Ana Pontón, nos seus respectivos actos, onte en Redondela; e Valentín Formoso, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

As eleccións locais do 28 maio marcan toda a axenda política na Galiza, esta sexta feira, ademais, cunha peculiaridade moi inusual: o presidente do Goberno galego e a líder da oposición coincidiron no mesmo concello, Redondela, a escasos 300 metros de distancia unha doutro, presentando os alcaldábeis das súas respectivas formacións, PP e BNG. Actos que a formación nacionalista foi primeira en publicitar. As salas de máquinas dos partidos ferven diante da proximidade duns comicios que abren un longo ciclo electoral que rematará coas eleccións galegas.

O presidente da Xunta da Galiza e do PP galego, Alfonso Rueda, acudiu esta sexta feira a Redondela a presentar o candidato do PP á Alcaldía da localidade, Javier Bas. Precisamente, a área metropolitana de Vigo e o conxunto da circunscrición de Pontevedra é un dos grandes buracos negros dos populares, coñecedores de que ningunha das enquisas lle dan posibilidades de Goberno nas cidades nin na Deputación deste distrito electoral.

O PP centra os seus esforzos en conseguir as Alcaldías de Ferrol, Ourense e Lugo. No primeiro caso é onde as sondaxes lles dan máis posibilidades de Goberno á dereita, que volve estar liderada por José Manuel Rey Varela. Manuel Cabezas pelexa por converterse no candidato máis votado en Ourense, porén, a súa intención de voto fica lonxe da maioría absoluta, polo que a Alcaldía dependerá de acordos posteriores. A cabeza de cartel dos populares lugueses, Elena Candia, teno moi complicado, estancada nas sondaxes en 11 edís.

A dereita tampouco o ten doado para gobernar as deputacións galegas, sobre todo a de Pontevedra e A Coruña, máis nesta última ao reducirse de tres a dous deputados a representación do partido xudicial de Noia, onde o PP tiña dous deputados e o PSdeG un, co que con probabilidade agora fiquen 1-1. Só lles queda Ourense como opción segura, mesmo con probabilidades claras de que José Manuel Baltar volva lograr a maioría absoluta. Asemade, as sondaxes e as proxeccións das diversas formacións sitúan como practicamente imposíbel un cambio na deputación de Lugo, gobernada polo PSdeG e o BNG.

A líder do BNG, Ana Pontón, presentou o candidato nacionalista á Alcaldía de Redondela,  Xoán Carlos Rodríguez, convencida do ascenso electoral da súa formación na área de Vigo e no conxunto da Galiza. A este respecto, o BNG vese en disposición de manter as súas posicións de Goberno e incrementar a súa representación.

O BNG amósase seguro de reter a Alcaldía de Pontevedra e en disposición de conseguir as de Lugo e Compostela. No primeiro caso son varias as sondaxes que o sitúan como segunda forza por diante dos socialistas e por detrás dun PP lonxe da maioría absoluta. No segundo caso, o BNG estaría moi próximo en intención de voto aos socialistas, liderados polo actual alcalde Xosé Bugallo

O BNG está convencido de reeditar os Gobernos nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Así, agarda incrementar a súa representación na primeira delas, sumando un novo deputado no partido xudicial da Coruña, e en Pontevedra, conseguindo un novo escano por Vigo. 

O PSdeG fixo o seu acto central esta sexta feira en Pontevedra. En apoio ao candidato á Alcaldía, Ivan Pontes, acudiron o ministro José Miñóns, o líder do partido, Valentín Formoso, e a presidenta da formación, Carmela Silva. Precisamente, estes dous últimos, repetirán con case total seguridade como presidentes das deputacións de Pontevedra e A Coruña.

O poder do PSdeG nas corporacións provincias galegas é resultado da súa importante presenza local. A este respecto, os responsábeis do partido dan por seguro manter no ámbito urbano as Alcaldías que posúen, coa excepción de Ferrol, onde o resultado preséntase máis dubidoso. Ao tempo, vense en disposición de volver ser a candidatura máis votada en Ourense e lograr gobernar a cidade.

A resistencia das mareas

A capacidade de resistencia das mareas galegas é unhas das incógnitas destes comicios. Até agora, as sondaxes danlles importantes caídas en Santiago de Compostela, Ferrol e A Coruña, onde podería entrar na corporación a candidatura de Unidas Podemos, liderada polo ex concelleiro José Manuel Sande.

Comentarios