Así foron os actos de homenaxe do nacionalismo galego a Moncho Reboiras 48 anos despois do seu asasinato

Hai 48 anos, o militante nacionalista era asasinado pola policía franquista.
Camiñada da UPG en Ferrol en homenaxe a Moncho Reboiras (Foto: Nós Diario).
photo_camera Camiñada da UPG en Ferrol en homenaxe a Moncho Reboiras (Foto: Nós Diario).

"Hai hoxe 48 anos, a 100 metros de aquí era asasinado pola policía española franquista o noso camarada Moncho Reboiras. Neste 12 de agosto, no Ferrol que o viu morrer, o noso partido, a Unión do Povo Galego, rende tributo ao ‘capitán do povo’ que dixo o poeta, ao militante caído en combate pola liberdade da nosa patria, pola independencia nacional e o socialismo". Desta forma comezou este sábado o discurso do secretario xeral da UPG e portavoz do BNG do Congreso, Néstor Rego, na concorrida homenaxe que o partido rendeu a Moncho Reboiras en Ferrol.

Interveción de Néstor Rego en Ferrol (Foto: Nós Diario).
Interveción de Néstor Rego en Ferrol (Foto: Nós Diario).

"Teño a certeza de que se o mozo Reboiras, que traballou na organización dos primeiros grupos sindicais nacionalistas, ollase para hoxe, estaría orgulloso de constatar a potencia do sindicalismo nacionalista que encarna a Confederación Intersindical Galega, a primeira central do noso país. Mais estaríao especialmente, sen dúbida, de comprobar como o seu partido e o nacionalismo mantén a coherencia e os principios", continuou.

Placa descuberta en Ferrol pola UPG na honra de Moncho Reboiras (Foto: Nós Diario).
Placa descuberta en Ferrol pola UPG na honra de Moncho Reboiras (Foto: Nós Diario).

"A diferenza de hai 48 anos, naquel escenario de desfecho da ditadura franquista en que lle tocou actuar a Reboiras, vivimos agora nunha democracia burguesa en que os procesos electorais fan parte importante da actividade política, tamén da do nacionalismo galego", continuou. "No entanto, os principios que inspiraron a actuación política do camarada Moncho -organizar, concienciar, mobilizar, loitar-, continúan sendo a chave para o movemento nacionalista se consolidar e avanzar", afirmou Rego.

Intervención de Mercedes Tobío en Ferrol (Foto: Nós Diario).
Intervención de Mercedes Tobío en Ferrol (Foto: Nós Diario).

A intervención do secretario xeral da UPG foi precedida polas palabras de Mercedes Tobío, responsábel comarcal do BNG de Ferrolterra e membro do secretariado da UPG, e de Paulo Alonso, membro do secretariado da Unión da Mocidade Galega (organización da mocidade da UPG).

Intervención de Paulo Alonso en Ferrol (Foto: Nós Diario).
Intervención de Paulo Alonso en Ferrol (Foto: Nós Diario).

Antes da intervención de Rego, tivo lugar unha concentración na ferrolá Praza de Armas que deu paso a unha camiñada cara á rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras, lugar no que se descubriu unha placa na honra do abatido pola policía franquista. Alí, o portavoz do BNG en Ferrol, Iván Ribas, realizou unha intervención política. 

Intervención de Iván Ribas en Ferrol (Nós Diario).
Intervención de Iván Ribas en Ferrol (Nós Diario).

Previamente, na mañá do sábado, dirixentes e militantes da UPG desprazáronse ao cemiterio de Imo, no municipio de Dodro, onde tivo lugar unha ofrenda floral para posteriormente dar paso ás intervencións de Manel Casal, secretario nacional de organización da UPG e de Xoán Bautista Mariño, portavoz municipal do BNG en Dodro.

Intervención de Manel Casal no cemiterio de Imo (Foto: Nós Diario).
Intervención de Manel Casal no cemiterio de Imo (Foto: Nós Diario).

Xa pola tarde decorreu un encontro popular na localidade de Fene (Ferrolterra), seguido por unha conferencia a cargo do secretario de Relacións Internacionais da UPG, Duarte Correa, que levou por nome 'A OTAN, ferramenta do imperialismo'.

Conferencia de Duarte Correa en Fene (Foto: Nós Diario).
Conferencia de Duarte Correa en Fene (Foto: Nós Diario).

"Avance importante mais ponderado"

O secretario xeral da UPG, Néstor Rego, destacou este sábado no seu discurso na homenaxe a Moncho Reboiras o "avance importante mais ponderado" do nacionalismo galego nos dous últimos procesos electorais, o das municipais e o das estatais. Estes, dixo, "alén de visibilizar as fortalezas con que contamos, tamén evidenciaron algunhas fraquezas que debemos tomar a serio, porque nós sempre fuximos quer da autocomplacencia, quer da autoflaxelación". Ao respecto, proseguiu, "debemos consolidar a puxanza mostrada e corrixir o que for preciso para garantirmos continuar avanzando".

Rego chamou ás asembleas do BNG na Galiza a facer "política e non apenas xestión" a escala municipal. No caso contrario, aseverou, "asistiremos á constatación de que o que nunhas municipais aparece como un oasis verde e farturento, vira súbito nunha miraxe que se esvae como fume en canto chegan unhas eleccións de carácter xeral".

Néstor Rego (segundo pola esquerda), este sábado en Ferrol (Foto: Nós Diario).
Camiñada da UPG en Ferrol (Foto: Nós Diario).

Para o líder da UPG, "unha profunda estatalización da campaña e unha polarización extrema" resultou clave nos resultados electorais das estatais e "afectou o resultado do nacionalismo facendo que o incremento do apoio electoral non fose suficiente para cumprir o obxectivo de aumentar a representación en Madrid".

Para evitar que potenciais votos do nacionalismo galego acaben no seo doutras forzas políticas polas "dinámicas estatais", Rego sinalou a necesidade "de explicitar que o apoio ao BNG é útil para trabar a posibilidade dun goberno da dereita e a ultradereita no Estado". Mais ao tempo, engadiu, "debemos ser capaces de explicar que o conxunto das forzas estatais, da ultradereita á chamada esquerda, partillan a defensa do réxime de 78 e dun modelo de Estado unitario que está na base dos problemas estruturais que padece o noso país".

O público atende a intervención de Néstor Rego en Ferrol (Foto: Nós Diario).
O público atende a intervención de Néstor Rego en Ferrol (Foto: Nós Diario).

"Facer entendíbel a importancia dun nacionalismo decisivo, en Madrid como nas institucións galegas, é a chave para que os avances políticos poidan ser máis significativos", insistiu o líder da UPG. Para iso, explicou, "é imprescindíbel fortalecer ferramentas comunicativas alternativas e propias, para chegarmos ao pobo sen mediatizacións interesadas", xa que, sinalou, "nunca o nacionalismo poderá esperar un tratamento xusto e equitativo por parte dos medios do sistema".

Neste sentido, afirmou, "o nacionalismo non pode cifrar a recepción da súa mensaxe á maior ou menor benevolencia dos medios dominantes. Tivemos nestes días de verán algunha mostra do que pode vir se os poderes fácticos perciben que existe unha opción real de que o BNG acceda á Presidencia do Goberno galego".

Ofrenda do Movemento Arredista

Pola súa parte, o Movemento Arredista tamén honrou este sábado a figura de Xosé Ramón Reboiras Noia cunha homenaxe no cemiterio de Imo ás 13 horas. Nela falaron David Soto, concelleiro do BNG na Coruña, Nazaré Estévez, integrante da Mesa Nacional de Isca! (organización da mocidade do Movemento Arredista), así como Xoán Bautista, concelleiro do BNG de Dodro. O tributo a Reboiras finalizou cun recital de poesía a cargo de Álex López e coa música de Alba María.

Intervención de Nazaré Estévez no cemiterio de Imo (Foto: Nós Diario).
Intervención de Nazaré Estévez no cemiterio de Imo (Foto: Nós Diario).

"Cando homenaxeamos Reboiras, homenaxeamos tamén a toda unha xeración que é exemplo de compromiso para toda a militancia soberanista galega. Digo que é un compromiso exemplar, porque podemos tirar del principios que hoxe poden servir para nos guiar nun escenario que, por outras razóns, é tamén moi complexo e desfavorábel. Un escenario caracterizado por un individualismo desacougante", afirmou o concelleiro do BNG na Coruña, David Soto.

Intervención de David Soto no cemiterio de Imo (Foto: Nós Diario).
Intervención de David Soto no cemiterio de Imo (Foto: Nós Diario).

 

"Por tanto, precisamos da autoorganización popular como persoas, como anticapitalistas e como soberanistas. O bo de Moncho Reboiras era ben consciente disto e foi consecuente coas súas ideas. Hoxe, nós aspiramos a seguir os seus pasos, conscientes de que o camiño é longo e tortuoso, máis tamén de que o compromiso político constrúe vidas que merecen ser vividas", concluíu Soto.

Agora Galiza e o PCRG

A organización política Agora Galiza tamén levou a cabo unha homenaxe a Moncho Reboiras no cemiterio de Imo, ás 11 horas, baixo o lema 'Insumo para construírmos o partido comunista revolucionário galego'.

Paulo Vila, no centro, xunto a outros membros de Agora Galiza (Foto: Agora Galiza).
Membros de Agora Galiza no cemiterio de Imo (Foto: Agora Galiza).

Así mesmo, o Partido Comunista pola República Galega (PCRG) desenvolveu unha homenaxe popular na Praza do Mercado do barrio vigués de Teis onde Reboiras medrou, que decorreu baixo o lema 'Moncho, espello de militantes'.

Comentarios