O BNG consegue un escano en Bruxelas e o PP sofre un retroceso histórico

A coligación entre BNG e Bildu acada o seu escano no Parlamento europeo, cun 7,9 dos votos para o Bloque. O PP rexista un retroceso histórico, cedendo 15 pontos percentuais a respeito de 2009. Podemos foi a grande sorpresa das eleccións. Lidia Senra tamén estará en Bruxelas.
 

Segundo os primeiros datos oficiais, xa practicamente definitivos, o BNG estará de novo presente en Europa mediante a súa alianza con Bildu, coa que terían conseguido un eurodeputado, que será rotativo. Queda nun 7,9 por cento dos votos en Galiza o Bloque, case 80.000 respaldos, superado por décimas por Podemos, cun 8,3, grande sorpresa da xornada, que se converte en cuarta forza a un dous puntos de AGE, que queda freada pero obtén acta e segue como terceira forza.

Gaña o PP e o PSOE mantense como segunda forza, pero a súa caída en conxunto resulta enorme. Sobre todo para a dereita galega, que perde 300.000 votos respecto ás autonómicas de 2012. Un castigo xigantesco, o seu peor balance en 25 anos, que tamén afecta ao PSOE, que gaña un punto de porcentaxe, pero perde 80.000 apoios respecto a 16 meses antes e case 190.000 se se bota a vista atrás cinco anos, nas últimas europeas.

No Estado, gaña o PP, con só 16 deputad@s, por 14 do PSOE, afundido. Seica chega a fin do bipartidismo, xa que entre ambas formacións nin suman o 50% dos votos no Estado. IU leva seis escanos -un deles o de Lidia Senra, nomeada por Anova- namentres que UPyD só saca catro, por dous de Cidadáns. Un de Equo-Compromís-CHA. Podemos é a sensación da noite. A formación de Pablo Iglesias consegue cinco deputad@s, mesmo supera a Izquierda Unida en Madrid.

Outro punto de atención estaba en Cataluña, onde creceu a participación en case dez puntos, e onde ERC obtivo un par de deputad@s en solitarios. superando a CIU en case un par de puntos (23,6 contra 21,8). En canto a forzas a prol do dereito a decidir, case tiveron un terzo máis de apoio que as españolistas. A coalición CIU-PNG-CC gaña dous, pero non pode estar contenta co resultado, menos pola parte vasca, onde no conxunto de Euskal Herria foi superada por EH-Bildu.

A nivel europeo, o crecemento e/ou vitorias da estrema dereita marcou a xornada, con triunfos como o de Le Pen en Francia. Syriza en Grecia foi a outra cara. De cara á Comisión Europea, todo indica que o gañador será Juncker, do Partido Popular Europeo. Tamén son salientábeis os catro eurodeputad@s do Sinn Féin. En Portugal gañan @s socialdemócratas e o PCP duplica ao Bloco.

Comentarios