15.000 persoas na manifestación do BNG

Unha nación viva na Quintana

O BNG enche a zona vella de Compostela nun 25 de xullo de mobilización por “soberanía e traballo” e no que se reclamou como unha organización “que non baixa os brazos na defensa de Galiza” fronte o novo bipartidismo a catro.

ANA PONTON DIA DA PATRIA 2016
photo_camera [Imaxe BNG]

Miles de persoas volveron marchar máis unha vez por Compostela respondendo ao chamado do BNG. Unhas quince mil, segundo fontes da organización consultada por Sermos Galiza, unha cifra que após o acontecido desde o pasado 25 de xullo non deixa de ser sintomática da capacidade de resistencia e convocatoria do nacionalismo. Expresábao a propia portavoz nacional, Ana Pontón, cando comezou a súa intervención perante unha ateigada Praza da Quintana recoñecendo que “falo ante vós emocionada, polo voso amor e a vosa dignidade, pola vosa lealdade ao que hoxe nos convoca:Galiza”.

“Que agarden sentados os que nos querían na casa, deprimidos e derrotados, aquí estamos e aquí seguiremos”, dixo Ana Pontón

Foi unha das manifestacións máis puntuais. O bruar dos bombos e gaitas do Baixo Miño que anunciaba a marcha nacionalista colleu a parte da parroquia apurando cafés ou mirando os tradicionais postos que por esta data poñen na Alameda compostelán as diferentes organizacións nacionalistas.

BNG(1)Miles de persoas foron saíndo da Alameda para se dirixir á Praza de Galiza. Música de pandeiretas, consignas das que non caducan (“Galiza ceibe, poder popular”, “Que queiran que non, Galiza é unha nación”), grupos de amigos, familias, parellas... Unha serpe multicolor de bandeiras e música que percorreu o Ensache até entrar na zona vella.

Multicolor

O corazón pétreo da capital galega vibrou co ambiente de festa de miles de persoas a reclamar, tal e como era o lema do BNG para este 25 de xullo, “unha Galiza viva”. As 'piruletas' con frases de Manuel María combinaban coas faixas dos emigrantes retornados, a faixa de 'Jimmy Vive' irmanaba con camisolas celtistas que unían no deseño o escudo da equipa coa deseñada por Castelao, os emigrantes retornados marchaban a carón dos ambientalistas... A calor, sufocante por veces, e o zoar do helicóptero da Policía española non facían mella na marcha nacionalista. “Non renunciamos á patria galega”, berraban os manifestantes ao pasar polo Praza do Toural mentres que aínda había xente saíndo da Alemada compostelá. “Que agarden sentados os que nos querían na casa, deprimidos e derrotados, aquí estamos e aquí seguiremos”, enfatizaba Ana Pontón.

Convidou a “todos os galegos”, fosen ou non nacionalistas, “galego-falantes ou non”, a “confiar colectivamente nas nosas capacidades como pobo e atrevernos a soñar unha Galiza diferente”

Veteranos como Xosé, das Rías, que manifestaba que “esta é como a miña familia”, en referencia ás persoas que tomaban parte nunha mobilización á que, botaba contas, non faltaba desde a primeira vez que fora, no 1986, con 17 anos e “facendo dedo con dous amigos”. 'Novatas' como a súa filla Silvia, 15 anos, e que recoñecía que era a primeira vez que acudía ao 25 de Xullo. “Gústame”, apontaba, “está animada a cousa”.

A gran serpe multiculor circulaba pola sinuosidade do trazado da zona vella compostelá. Seguía o ondear de bandeiras, as consignas, as cancións. A delegación internacional (vascas, catalás, palestinianas, saharauis, occitanas...) facían bo aquilo que escribira Neruda da “solidariedade é a tenrura entre os pobos” rescribíndoo en chave de “soberanía”. A soberanía é a tenrura entre os pobos.

BNG(2)

Castelao e Rosalía, os vellos “roqueiros” que nunca morren.

Baixo un sol que non perdoaba e o zunir do helicóptero policial que non cesaba íase ateigando A Quintana. A Praza compostelá ía enchendo mentres aínda había xente saíndo da Alamenda. Isabel Risco facía de 'mestra de ceremonias' desde o palco. Animando a soportar o calor de xustiza. “Non collemos, imos ter que ir para a Praza do Obradoiro”, afirmaba, ao tempo que reclamaba que “somos modernos” e por iso “reivindicamos Castelao e Rosalía”, porque “os vellos roqueiros” non morren e a de Iria e o de Rianxo “son os nosos superherois”. Aplausos abouxadores. Tan abouxadores como os apupos adicados a Ana Pastor cando a citou Ana Pontón para cualificar o seu nomeamento como presidenta do Congreso como un “insulto ás vítimas e ao pobo galego”.

Miles de persoas ateigaron a zona vella compostelá nunha manifestación que entraba na Quintana mentres a cola non saíra aínda da Alameda

A quenda de intervencións abriuna David Pichel, do PCPG, que emprazou a “erguermos a bandeira irrenunciábel da soberanía” para “construír unha sociedade sen clases nunha patria libertada”. Tomou despois a palabra Segundo González (FOG), que deixou ben claro que “estamos aquí para dicir, con voz forte e nídia, non nos derrotarán!”.

“Vai facendo as maletas, Feijóo, que imos quitarte da Xunta co BNG!”. Alberte Mera, de Galiza Nova, puxo sobre a mesa a oportunidade que se abre en outubro para derrotar o PP. Aliás, non só para iso, mais tamén para erguer unha política diferente e con Galiza como epicentro e trabe.

“Somos a Galiza que non baixa os brazos”

Ana Pontón comezou a súa intervención aplaudindo os asistentes a este 25 de Xullo e agradecendo o seu compromiso para co país e o nacionalismo. Reivindicouse orgullosamente nacionalista, “o corazón nacionalista da Galiza continúa latexando, latexa aquí nesta Praza da Quintana”, e agradeceu o traballo desenvolvido polo grupo parlamentar do BNG nestes catro anos, especialmente o de Francisco Jorquera, portavoz parlamentar.

bng(3)Convidou os miles que ateigaban A Quintana a se coller das mans e erguer os brazos para amosar que “somos a Galiza que non baixa os brazos”, ao tempo que chamaba a “devolver a esperanza” aos galegos. Criticou o “bipartidismo, sexa na versión vella sexa na versión guai”, e dixo que a solución para Galiza non pode vir de “cortas e pega escrito desde Ferraz” ou “cortas e pega escrito desde a Complutense”.

O lexítimo dono de Galiza, o pobo galego

Nun discurso que entrou sen medo na pre-campaña electoral, Pontón defendeu o valor dun BNG que “non é nin unha moda, nin un invento do IBEX 35, nin un produto da teletenda” e expuxo a xestión nos concellos como mostra de bo facer. Defendeu o traballo das consellarías nacionalistas durante a coligazón co PSOE, e recoñecendo erros, acusou a Feijóo de ter como “único mérito” facer máis dano a Galiza en sete anos que “Fraga en 16”.

Convidou a “todos os galegos”, fosen ou non nacionalistas, “galego-falantes ou non”, a “confiar colectivamente nas nosas capacidades como pobo e atrevernos a soñar unha Galiza diferente”. Un apelo que realizou para “devolver este país ao seu lexítimo dono: o pobo galego”.

Foi entón cando Mencía e Celtia, dúas nenas, ergueron no escenario a bandeira de Galiza co escudo deseñado por Castelao, a 'da serea', ao tempo que miles de voces cantaban o himno galego. “Común temos a Patria”, escribira Celso Emilio Ferreiro. O que reclamaron máis de 15.000 persoas neste 25 de xullo, máis un ano, en Compostela. 

Comentarios