Nace a Assembleia Nacional Galega, “grupo de presión galeguista e independente”

A asociación terá a súa presentación pública o próximo sábado ás 17:30 horas no centro sociocultural de Vite, en Santiago de Compostela

_MG_0106[1]
photo_camera Un momento da apresentación

A coordinadora provisoria da Assembleia Nacional Galega presentou publicamente o seu proxecto ante os medios na mañá desta terza-feira, na libraría compostelá de Couceiro. Mar Lopes, integrante da asociación, definiu a AGN como “un instrumento para a participación democrática, horizontal e asemblear da sociedade galega, sen vontade de lucro ou dependencia de ningún partido político”.

Segundo Lopes, este movemento cívico nace coa vontade de incidir na sociedade galega, sen por iso excluír a Galiza da diáspora ou estremeira, e pretende incluír no seu seo todos aqueles colectivos ou persoas que traballen nun proxecto integral do país. Entre os seus obxectivos cóntase “a naturalización do galego e a súa reintegración no contexto internacional da galaicofonía, o relacionamento cos pobos de nacións sen estado, a defensa do medio ambiente e do patrimonio, a promoción dunha economía galega sustentábel ou a difusión da cultura galega en calquera das súas expresións”, enumerou Mar Lopes.

Traballar desde a base, á marxe da vida institucional

 

O escritor Manuel Miragaia, secretario da coordenadora, explicou que o ámbito de actuación da ANG sería fóra das institucións. “Os proxectos que levaremos a cabo serán os que vaian propoñendo as persoas asociadas, procurando atopar formas máis creativas e diferentes, integrando a xente de todas as idades”, apuntou.

“Queremos estar nas rúas, de xeito moito máis vivo e ligado aos movementos sociais, non nos auditorios ou institucións”, declarou Miragaia. Así, cóntanse entre as súas actividades a promoción de figuras como Vimara Peres -galego fundador da cidade de Guimarães ou Porto- ou Pardo de Cela, a celebración dun Día da Autodeterminación, ou a creación de grupos de comunicación que exerzan presión nos medios ou redes sociais arredor de temas “esenciais para o país como a lingua, a cultura ou a sociedade”.

Un código ético que rexeita o sectarismo

 

Outro membro da coordenadora, Arturo Novo Velo, destacou o código ético arredor do que se forma a asociación, que aínda debe realizar a súa asemblea constituínte. “A ANG non recibirá nunca subvencións públicas, senón que se financiará sempre a través das cotas ou de doazóns”, explicou. Asemade, a norma ortográfica escollida para a comunicación da entidade será sempre a do padrón internacional e haberá incompatibilidade para formar parte da coordenadora se se mantén algún posto directivo en partidos políticos ou sindicatos.

“Non queremos ser unha asociación cultural de corte folclorista ou un conxunto de persoas sectarias e intolerantes, senón que defendemos a soberanía, a participación cidadá e calidade democrática das institucións”, aclarou Mar Lopes, quen tamén fixo un chamamento á participación feminina. “Nesta sociedade, as mulleres debemos tomar consciencia da importancia da nosa participación social e da nosa presenza en todos os núcleos decisivos da sociedade para que poidamos decidir por nós mesmas”, afirmou.

Paralelismo con Omnium Cultural

 

Após ano e medio desde unha primeira reunión que foi o xermolo da ANG, desde a coordenadora explican que a entidade nace “ante o cansazo e saturación do país perante unha política galega en permanente confronto, sectaria e carente dunha cultura de cooperación”. Cuestionados sobre os paralelismos coa Asemblea Nacional Catalana, Lopes indica que “se tivésemos que compararnos, veriamos mais paralelismos da nosa organización con Òmnium Cultural”.

Após un ano de trabas burocráticas no rexistro de asociacións, a Assembleia Nacional Galega terá o seu acto de presentación pública este sábado no Centro Sociocultural de Vite, en Santiago de Compostela. Será ás 17:30 horas e contará cunha palestra-debate e un recital das poetas Iolanda Aldrei e Concha Rousía. O cantautor César Morán pechará o acto cunha actuación musical.

Comentarios