INICIATIVAS SALIENTÁBEIS

Moaña: unha cláusula para avanzar nunha igualdade real

O Concello aprobou unha cláusula pola que as empresas concesionarias, teñan que asumir unha implicación real cara a igualdade da muller con medidas como que nas novas contratacións a metade sexan mulleres.

moaña
photo_camera Moaña

As empresas concesionarias que traballen para o Concello de Moaña deben de ter a igualdade como un elemento chave. O goberno moañés aprobou un criterio de igualdade que establece que nas novas contratacións, e mentres dure o contrato co concello, teñan que velar porque no mínimo a metade sexan mulleres. A isto engádese o compromiso que teñen que asumir de poñer en marcha medidas específicas de conciliación familiar, con flexibilidade de horarios, xornadas reducidas ou servizos de apoio.

“Desde que chegamos ao goberno as cuestións de igualdade pasaron ser perincipais e tiñamos claro desde o inicio que tiñan que ser transversais a todas as políticas municipais, tamén no que afecta á contratación pública”, sinala Leticia Santos, alcaldesa de Moaña.

A nova lei de contratación abriu as portas a poder establecer cláusulas de igualdade e o goberno de Moaña non o dubidou: “que as empresas concesionarias que traballen con nós e mentres dure a concesión que nas novas contratacións, cumpran coa paridade”, indica a rexedora.

“Nos concellos pequenos non temos moitas competencias en materia de igualdade mais si que se poden dar pasos e facer cousas nese sentido”, indica Santos, que di que estas decisións foron moi ben acollidas tanto polo plantel de traballadores e traballadoras; ao tempo que a veciñanza ve este tipo de políticas como “positivas”.

Comentarios