Miñóns deixa o Congreso para ser nomeado presidente de Mercasa

Mercasa é unha empresa pública que se encarga da xestión e información da cadea alimentaria.
O socialista José Miñóns (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).
photo_camera O socialista José Miñóns (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

O que foi ministro de Sanidade e delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, deixou a súa acta como deputado no Congreso para ser proposto presidente de Mercasa, empresa pública de xestión e información da cadea alimentaria.

Miñóns, que tamén foi alcalde de Ames (comarca de Compostela) presentou esta terza feira 9 de abril un escrito á mesa da Cámara baixa no que comunica a súa renuncia. No texto, ademais, manifesta o seu agradecemento aos servizos da Cámara polas atencións recibidas.

Neste sentido, prevese que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) propoña José Miñóns como presidente de Mercasa, no consello de administración que se celebrará esta cuarta feira.

Tras o seu paso pola Delegación do Goberno español na Galiza, Miñóns foi nomeado en marzo de 2023 ministro de Sanidade, un cargo que ostentou até novembro de 2023.

Nas eleccións xerais do 23 xullo, o ex alcalde de Ames encabezou a candidatura do Partido Socialista pola circunscrición da Coruña. Por esta circunscrición, o PSOE logrou tamén o escano que ocupa a coruñesa Obdulia Taboadela.

Montserrat García Chavarría será deputada

Coa marcha de Miñóns, conforme ratificaron fontes socialistas, entrará na Cámara baixa a que foi edil das Pontes, Montserrat García Chavarría, que ocupou o número tres na lista da circunscrición e xa foi deputada no Congreso na anterior lexislatura.

Comentarios