Miguel Míguez, novo secretario xeral do Partido Galego, que presidirá Francisco Villanueva

O novo secretario xeral expresou no primeiro Congreso da formación a súa intención de levar a cabo un "intenso traballo" orgánico para a expansión e implantación do PG no maior número posíbel de concellos.
Á esquerda, Francisco Villanueva; á dereita, Mateo Míguez, novos dirixentes do Partido Galego. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Á esquerda, Francisco Villanueva; á dereita, Miguel Míguez, novos dirixentes do Partido Galego. (Fotos: Nós Diario)

O primeiro Congreso do Partido Galego, decorrido este pasado sábado en Teo (comarca de Santiago), aprobou por unanimidade a elección de Miguel Míguez (O Grove, O Salnés) como secretario xeral da formación e de Francisco Villanueva (Lugo) como presidente.

Desde a formación destacan que se trata de dúas persoas con "moita bagaxe política, social e no mundo profesional". Villanueva desenvolve o seu labor no ámbito sanitario e Míguez no empresarial, nomeadamente na acuicultura.

No discurso de clausura do congreso, o novo secretario xeral expresou a intención de levar a cabo un "intenso traballo" orgánico para a expansión e implantación do PG no maior número posíbel de concellos, así como a incorporación de activos políticos para a transformación e posta en práctica de "boas políticas nas corporacións locais e no ámbito autonómico".

O Partido Galego tamén aprobou os membros permanentes do seu Consello Nacional e os documentos de resolucións (12), tese política, liña estratéxica e estatutos.

Controversia nas galegas

Malia que a formación acordou non concorrer ás eleccións ao Parlamento da Galiza do pasado 18 de febreiro, catro dos seus integrantes, e entre eles o antigo dirixente, Xosé Mosquera, acordaron participar na candidatura do Espazo Común Galeguista de Pachi Vázquez. Fixérono "en nome do PG", censuraron desde esta formación, malia que tres deles "nin sequera son militantes" da mesma.

Comentarios