NON TERÁ QUE COMPETIR CON NINGUÉN NAS PRIMARIAS

Martiño Noriega será o candidato a alcalde de Santiago por Compostela Aberta

O alcalde de Teo e coordenador nacional de Anova deu finalmente o paso de se candidatar no mesmo día que finalizaba o prazo. É o único candidato á alcaldía nas primarias de CA e faino pola lista 'Gañar Compostela'.

Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]
photo_camera Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]

O último día de prazo para facelo, esta cuarta-feira 11 de marzo, Martiño Noriega deu oficialmente o paso que oficiosamente todos apontaban que daría e presentou candidatura ás primarias de Compostela Aberta. Faino coa intención de encabezar a lista que esta plataforma -da que forman parte, entre outros, Anova, Podemos e Esquerda Unida- presente o 24 de maio na cita coas municipais. De feito, a súa é a única candidatura á alcaldía nas primarias desta plataforma. Noriega (1975) é alcalde de Teo desde o ano 2007, sendo elexido nesa cita e na de 2011 na lista do BNG.

A comezos desta semana presentara a súa candidatura Manolo Dios, compostelán do 1953, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, mais que desde un principio deixou ben clariña a súa disposición a se integrar na proposta de Martiño se este se presentaba. Outro nome que deu o paso para se candidatar -mais non para encabezar a candidatura, sería o de Jorge Duarte, arquitecto e un dos voceiros de Compostela Aberta. A lista completa de candidaturas pode consultarse aquí.

Coas candidaturas presentadas, prosegue o proceso de primarias: esta quinta feira, 12 marzo, será a quenda de reclamacións e corrección de erros. O 13 marzo: publicación de candidaturas. Do14 ao 19 marzo: campaña. O 20, 21, 22 marzo: prazo de votación telemática e presencial (telemática asistida). O 24 marzo será o reconto e resultados.

Primarias para o cabeza de lista sen candidatos alternativos

O proceso de conformación da lista de Compostela Aberta segue o mesmo guión que o das mareas da Coruña e Vigo: ao se presentar só un único candidato -nos tres casos, homes- ás primarias para a elección do cabeza de lista.

Estaríamos ante un novo modelo de primarias, as primarias por consenso entre as distintas sensibilidades -partidarias ou non- que conforman estas plataformas.

Comentarios