"Sabemos que a presenza protagonista de Galicia na política estatal é un desexo compartido por outras formacións políticas e sociais galegas que comparten con En Marea a defensa dunha axenda política galega para o espazo estatal”, dixo Luís Villares este sábado para dar conta da decisión do Consello das Mareas de presentar candidaturas nas eleccións xerais do 10N.
Mais En Marea, que na convocatoria de abril apenas apañou 17.000 votos nas catro circunscricións galegas, quere concorrer da man con outras forzas “galegas e progresistas”. Por este motivo, explicou Villares, “En Marea lanza un chamamento para constituír unha candidatura galega de forzas políticas e sociais, aberta á participación individual que permita configurar unha papeleta de voto que garanta a representación directa da cidadanía galega nas Cortes do Estado”.
Pretende consolidar En Marea un espazo galego nas Cortes que faga fronte “ás principais emerxencias que vive Galiza”, e sinalan: a ambiental, a feminista e a social, “e que no marco estatal facilite a recuperación de liberdades públicas e a recuperación dos dereitos sociais”.