A 'madrileñofobia' como posverdade

É a palabra de moda no debate político actual. Outro concepto creado en tempos de coronavirus, de uso habitual nas referencias públicas dos diferentes espectros ideolóxicos e impulsado desde os medios de comunicación da capital do Estado. 
2020061721382016918
photo_camera Tramo da autoestrada da M-30, en Madrid, o 5 de maio, co inicio da fase cero. (Foto: EP)

A un tempo altera a realidade sobre a orixe e expansión da pandemia no espazo peninsular, ao outro modifica a responsabilidade sobre a catástrofe, convertendo os verdugos en vítimas e, por último, prepara o terreo para unha nova normalidade que amenza con devolvernos a unha fase máis aguda da crise sanitaria e económica.

Responsabilidades

Asistimos a un capítulo chave da batalla polo relato sobre as causas da expansión da pandemia. A negativa dos responsábeis políticos a fechar Madrid nos primeiros momentos da aparición do coronavirus, atendendo as presións do poder económico e as conviccións ideolóxicas sobre o seu papel como capital do Estado, está detrás dunha traxedia sanitaria e económica que provocou miles de mortes. A insistencia das terminais políticas e mediáticas dos grandes grupos de poder en presentar a cidadanía madrileña como vítima dunha conxura de carácter xenófobo non agocha a irresponsabilidade de persoas que, animadas implicitamente polo Goberno estatal e galego, abandonaron a súa residencia habitual, estendendo o virus polo conxunto do Estado.

Os diferentes estudos sobre a orixe dos contaxios na Galiza apuntan directamente a Madrid, confirmando os datos coñecidos nos ámbitos sanitarios. Así, por exemplo, unha investigación realizada polos investigadores do Instituto de Física Interdisciplinar e Sistemas Complexos do CSIC, da Universidade das Illas Baleares e de Kido Dynamics, Mattia Mazzoli, David Mateo, Alberto Hernando, Sandro Meloni e Jose Javier Ramasco, sinala que 76% do pico de mortalidade por coronavirus ten a ver coa mobilidade entre cada territorio con Madrid e a súa ratio de poboación local.

O discurso das elites

A madrileñofobia é o discurso de acompañamento das elites económicas e políticas para a xestión da crise do coronavirus na etapa da denominada “nova normalidade”. Coñecedores dos riscos que a apertura de Madrid representa para a saúde e a economía da poboación peninsular, téntase presentar a cidadanía da capital do Estado como unha sorte de vítimas, co obxectivo de impedir restricións á actividade e ao movemento en Madrid, tal e como se vén reclamando ao Goberno estatal desde diversos Executivos autonómicos e organismos internacionais. 

Neste sentido, os grandes grupos empresariais, a maioría deles con sede en Madrid, atópanse á cabeza dunha táctica que tenta vender normalidade para pór freo á fuga dos investidores internacionais, cuxa presenza empresarial é chave no capital das compañías do Ibex.

Tamén na Galiza

O debate estendeuse entre dirixentes políticos galegos, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Ambos os dous animaron a cidadanía madrileña a acudiren no verán á Galiza e puxeron de manifesto a súa achega decisiva á economía galega.

Comentarios