28-M | En directo

Lores ten na man o seu sétimo mandato en Pontevedra: "Entendo que a cidadanía quere que siga de alcalde"

O PP é a forza máis votada (11), mais sen maioría absoluta. O BNG logra 9 actas (baixa 2) e o PSdeG, 5.

Lores manterá a Alcaldía.
photo_camera Lores manterá a Alcaldía.

Miguel Anxo Fernández Lores ten na man iniciar un sétimo mandato á fronte do Concello de Pontevedra, con 80% do voto escrutado.

A vitoria do PP onte, 11 edís, non abre as portas do Goberno local aos populares, toda vez que fican a dous edís da maioría absoluta (está en 13) que precisan para gobernar.

Nas elección municipais de 2019 os de Rafael Domínguez atinxira nove representantes na Corporación. Do 30% do apoio nas urnas daquela a case 40% este domingo.

O BNG, pola súa parte, baixa até os nove concelleiros e concelleiras. Tivera 11 representantes en 2019. O apoio ao BNG continúa a ser amplo na  cidade, por riba de 30% dos votos, mais por baxo do que rexistrara hai catro anos.

O nacionalismo pode seguir a gobernar a cidade a través dun pacto co PSdeG, que sobe de catro a cinco edís. Vox, malia superar os mil votos, non logra representación, como tampoco o consigue Podemos nin o Pacma.

Lores: "Tomo nota"

O alcalde de Pontevedra compareceu ante os medios unha vez rematado o reconto. "Entendo que a cidadanía quere que siga de alcalde", manifestou Fernández Lores, que apuntou que "após 24 anos na Alcaldía" séntense "ilusionado" e "honrado por esta confianza".

Porén, Lores tamén recoñeceu que a baixada de 2 edís é "un aviso" dos pontevedreses e pontevedresas: "Queren que o faga mellor". "Tomo nota", dixo, "que estean tranquilos". 


Comentarios