18-F

O PP aposta por un libro de 'pinta e colorea' e trilingüe para presentar as súas propostas para as familias

Entre outros compromisos para a vindeira lexislatura, os populares propoñen ofrecer servizos en atención temperá en todos os concellos galegos para as nenas e nenos con trastornos no desenvolvemento.
Capa do libro para colorear coas propostas do Partido Popular distribuído polos conservadores. (Foto: PP)
photo_camera Capa do libro para colorear coas propostas do Partido Popular distribuído polos conservadores. (Foto: PP)

Un libro para colorear é o formato que elixiu o Partido Popular para presentar as propostas programáticas do presidente da Xunta da Galiza e candidato desta formación á reelección, Alfonso Rueda, ás familias galegas. Unha publicación que conclúe co lema 'Galicia é o mellor lugar para nacer'.

Nun libro ilustrado e en tres idiomas —galego, castelán e inglés—, os populares da Galiza destacan no libro que o país ten "máis axudas" para as familias que "ningún outro sitio de España" e apostan, para a nova década, por "seguir ofrecendo novas medidas para as mamás, papás e pequenos de cada casa".

A través das súas páxinas, pon en valor pasos dados como que "Galiza ten o calendario de vacinación infantil máis completo do mundo" ou que o abandono escolar no país "reduciuse á terceira parte do que era 15 anos atrás".

Tamén que as familias da Galiza con dúas crianzas "teñen as mesmas bonificacións fiscais que tiñan até o de agora as numerosas e estas, á súa vez, teñen 250 euros máis por cada fillo a partir do terceiro".

Entre outros compromisos para a vindeira lexislatura, como a gratuidade das primeiras matrículas universitarias e as axudas para actividades extraescolares, os populares tamén propoñen ofrecer servizos en atención temperá en todos os concellos galegos para as nenas e nenos con trastornos no desenvolvemento.

Unha medida que, segundo resaltan desde o PP, vai no mesmo camiño que as 'Casas Niño' que, engaden, "están a estudarse en toda Europa como lugares para conciliar nos concellos máis pequenos e onde até o de agora non había opcións".

Os populares tamén destacaron que Galiza é "o único lugar" no que as escolas infantís son "totalmente gratuítas", e ao fío disto Rueda destaca que, se revalida como presidente da Xunta após as eleccións do 18-F, Galiza será "pioneira" en ter "educación gratuíta desde a primeira infancia até a universidade".

Comentarios